Vetan para o xogo en rede a milleiros de consolas Xbox 360 modificadas

mércores, 12 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios con consolas baneadas non poden conectarse a Xbox LIVE

A chegada do Nadal, a estrea da Nova Experiencia Xbox e o impresionante éxito de Gears of War 2 (que congregou a millón e medio de xogadores en rede) levou a Microsoft a tomar medidas contra a piratería (lembremos que moitos xogos se están a filtrar antes do seu lanzamento oficial) e así están a aparecer milleiros de usuarios por todo o mundo que ven como a súa consola Xbox 360 aparece vetada do servizo Xbox LIVE, de xeito que nunca máis se poderá empregar para o xogo en rede.
A vaga de baneos parece ser moi importante, e sería semellante á que aconteceu en pasados anos ante condicións semellantes, pois Microsoft está a esforzarse para que a súa comunidade de xogo en liña formada por máis de 14 millóns de membros permaneza segura (a modificación de consolas para a utilización de xogos copiados supón unha violación dos termos de uso de Xbox LIVE).
Major Nelson dende o seu blog lembra que «a saúde da industria dos videoxogos depende dos clientes pagando por produtos xenuínos e os servizos que reciben» polo que anuncia que continuarán a tomar medidas contra a piratería, aínda que non detalla en qué consisten, o que en boa medida contribúe á súa eficacia.