Unha startup acelerada dende A Coruña consegue capital para saltar ao Reino Unido

martes, 27 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Hai un par de anos a coruñesa Zarpamos organizou un concurso para elixir os proxectos a incorporar na súa aceleradora de empresas, entre os que figurou KollectBox, un servizo orientado a coleccionistas encabezado por Jorge Oliveira que conseguiu captar a atención a través dunha business meeting pechada en Londres en novembro participando en Bstartup, de xeito que esta startup conseguiu xuntar 200.000 euros, capital que facilitará o seu traslado a Londres, onde constituirá sociedade e contará co asesoramento dun dos mellores mentores de Reino Unido, responsable tamén da xestión do fondo de investimento que entra no capital.
Kollectbox está actualmente na busca de máis investimento, para poder traballar con máis forza nesta aventura no Reino Unido, para o que pretenden pechar unha ronda de investimento de entre 100.000 e 150.000 euros en España.
O servizo que están a desenvolver dende Kollectbox é un portal para coleccionistas, que na súa primeira fase está orientado a moedas e selos, cun deseño atractivo á hora de amosar coleccións, permitindo o intercambio e a mostra pública e privada de coleccións.

Kollectbox é un dos proxectos acelerados na Coruña por Zarpamos