Unha charla na Coruña convida a distanciarse do algoritmo

luns, 18 de maio do 2026 Redacción

A comunidade de WordPress Coruña celebrará o vindeiro xoves 21 de maio ás 19.30 horas unha nova charla centrada en estratexias dixitais afastadas da dependencia dos algoritmos das grandes plataformas. O encontro terá lugar nas instalacións de WeKCo baixo o título Vender sen pensar no algoritmo.
A sesión correrá a cargo de Rodrigo Varela, responsable técnico e de marketing de El Amasadero, quen compartirá a súa visión tras máis de dúas décadas traballando no deseño de estratexias dixitais.
A proposta pasa por cuestionar a obsesión polas métricas, os cambios constantes nos algoritmos de redes sociais como Instagram ou as actualizacións do buscador de Google.
A charla pretende convidar os asistentes a reformular a súa relación coas plataformas dixitais, apostando por unha presenza en liña máis sustentable e menos condicionada polas modas e tendencias. Varela defende priorizar a imaxinación, atopar unha voz propia e adoptar métricas máis sensatas, evitando «as carreiras de tolos» por adaptarse continuamente aos cambios impostos polos algoritmos.
O encontro incluirá tamén o habitual espazo de networking posterior, acompañado de petiscos e bebidas. A organización lembra que as prazas son limitadas e recomenda realizar inscrición previa a través de Meetup.