Telefónica reta aos desenvolvedores galegos a dar forma ás Cidades Intelixentes
venres, 17 de abril do 2015
Telefónica organiza en
Vigo, por vez primeira, a súa xuntanza de programadores HackForGood,
que xunta estes días (ata mañá) a centos de desenvolvedores do
ámbito estatal intercambiando experiencias e superando desafíos
arredor da creación da aplicacións e servizos TIC ligados ás
cidades intelixentes. A actividade, que chega á súa terceira
convocatoria, celébrase
na sala I do Edificio Miralles da Universidade de Vigo. Calcúlase
que a asistencia global é de preto dun milleiro de novas e novos
desenvolvedoras/es. Lembrar
que a edición viguesa lévase a cabo de xeito simultáneo noutras
outras oito cidades estatais: Madrid, Valencia, Murcia, Sevilla,
Málaga, As Palmas de Gran Canarias, Salamanca e Valladolid.
O director de Telefónica
en Galicia, Manuel Alonso, e o reitor da Universidade de Vigo,
Salustiano Mato, explicaron este 17 de abril en rolda de prensa os
detalles da iniciativa, que busca promover entre os mozos o espírito
emprendedor, apoiando a posta en marcha de ideas e negocios que
acheguen solucións aos desafíos que expón a sociedade dixital. Ao
fío disto, Alonso sinalou que o principal obxectivo é “dar
visibilidade ao talento, ofrecendo un marco onde os mozos poidan
madurar os seus proxectos e ideas, ao mesmo tempo que crean valor
social para o futuro”. Segundo fixo saber, nesta edición o que se
procura é “amosar como a tecnoloxía pode contribuír a construír
cidades máis amigables, sociais e eficaces, achegando respostas a
problemas sociais concretos e relativos ao comercio, a mobilidade
urbana, a economía, a enerxía ou a Internet das Cousas”.
Polo que respecta á
participación da Universidade de Vigo (que acollerá o evento no
Edificio Miralles), lembrar que a institución académica viguesa
pertence á rede de cátedras Telefónica, que conta para a
celebración de HackForGood 2015 coa colaboración da Vicerreitoría
de Economía e Planificación e as escolas de Telecomunicación,
Enxeñería Industrial, Minas e Informática.
O evento é
relativamente libre (participan nela persoas vencelladas á
comunidade universitaria e outras que non) e ábrese a
desenvolvedores, programadores e deseñadores. Asemade, a iniciativa
dá acubillo, tamén, a persoas ou organizacións (como ONG) sen os
coñecementos técnicos para desenvolver unha aplicación, pero que
tiveran identificado unha necesidade no ámbito social.
En canto á
Cátedra Telefónica, dicir que vía a luz hai algo máis de catro
meses e nacía de cara á innovación enerxética da Universidade de
Vigo, centrando as súas actividades na promoción do desenvolvemento
de propostas de mellora e novos servizos de eficiencia enerxética, o
emprego das TIC na busca desa eficiencia e a análise da calidade
enerxética ambiental.
