Telefónica lanza novas tarifas fronte a crise

martes, 17 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Guillermo Ansaldo foi o encargado de dar a coñecer as novas tarifas

Guillermo Ansaldo, presidente de Telefónica de España, anunciou hoxe unha nova estratexia comercial da súa compañía por mor da situación económica desfavorable, de xeito que os seus clientes en paro poderán optar a un desconto de ata o 50% (cun máximo de 20 euros por factura) o que podería beneficiar a medio millón de clientes.
Esta nova tarifa para afrontar a crise pódese solicitar dende hoxe, para o que Telefónica estreou un apartado na súa páxina web e activou un número gratuíto de atención ao público (900 380 390).
Tamén ofertaranse novos plans de aforro, como a nova liña Libre, que elimina a cota do servizo de teléfono fixo sempre que o consumo mínimo mensual sexa de 14 euros, mentres que os usuarios dun Dúo ou Trío con Telefónica e un móbil con Movistar poderán acollerse ao plan Dúo + voz móbil para chamar dende o seu móbil a todos os clientes de Movistar por 1 céntimo/minuto.
Pola súa banda, as PEME de nova creación terán descontos de ata o 50% na súa tarifa durante o primeiro ano de vida.

PUBLICIDADE