Technorati xa indexa 100 millóns de blogs

venres, 24 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Technorati anuncia que o seu sistema xa ten indexados un total de 99,8 millóns de blogs, ou sexa, que xa se tería superado a marca dos 100 millóns de cadernos dixitais localizados por tal servizo, o que indica a boa saúde que está a vivir a blogosfera, que parece estar aínda lonxe de estancarse, pois o servizo que lles fai seguimento rexistra 175.000 novos blogs cada día e 1,6 millóns de entradas novas cada día, polo que se converten nun dos fenómenos máis vivos da Rede.
Lembremos que durante o verán de 2004 Technorati tiña censados 3 millóns de blogs e un par de anos despois xa estaba nos 60 millóns cando o blogomillo rexistraba pola súa banda uns 2.000 blogs en galego (superando sobradamente os 3.000 na actualidade).
O curioso do fenómeno dos blogs é que ten dúas vertentes moi diferenciadas, de xeito que a meirande parte dos mesmos están dirixidos a un grupo moi reducido de usuarios, ou sexa, a círculos pechados de amigos ou profesionais con intereses comúns, mentres que paralelamente se desenvolveu unha elite de blogs que compite directamente cos medios de comunicación tradicionais, o que se nota especialmente nos sectores tecnolóxico e audiovisual, onde os blogs xa son importantes fontes de información. Tamén existen blogs que se converten en creadores de opinión, que provocan un mimetismo moi importante noutros blogs e nos medios tradicionais, polo que a súa función coma amplificadores de informacións é un elemento digno de destacar.