O dominio .gal celebra o primeiro aniversario da súa apertura ao público

mércores, 2 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Estes días son moi especiais para centos de páxinas web galegas, xa que hoxe fai xa un ano da apertura ao público xeral do rexistro de dominios .gal, de xeito que non son poucos os espazos que están a cumprir un ano co novo nome de dominio que serve de bandeira da súa galeguidade.
O dominio .gal xa celebrou o seu primeiro ano de vida o pasado mes de maio, pero estes inicios limitáronse a unha activación técnica do dominio, cunha única páxina web visible, á que no verán se sumarían un reducido grupo de Pioneiros, de xeito que non sería até o mes de decembro cando o dominio chegase ao grande público poñendo fin a un longo traxecto para conseguir que o soño dun dominio para a lingua e a cultura de Galicia fose unha realidade, e transformando a fantasía nunha realidade que non fixo máis que comezar, e que precisa do continuo apoio da sociedade galega para seguir adiante e conseguir así reflectir a identidade de Galicia na Internet.
Para celebrar o primeiro aniversario da apertura dos dominios .gal a Asociación PuntoGal participará un ano máis no Culturgal en Pontevedra entre os días 4 e 6 de decembro, ocupando o expositor 41. Durante a feira cultural tamén presentará o froito da súa colaboración con Rei Zentolo (unha das entidades pioneiras do .gal) que estreará unha serie de deseños nos que se homenaxea á Nós e outra na que se utiliza o humor para facer promoción do dominio .gal.
Neste tempo o número de dominios rexistrados co sufixo .gal aproximouse aos tres mil, e cómpre tamén salientar o apoio institucional por parte da Xunta de Galicia ao aprobares o Decreto 74/2015 que regula a presenza na Internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio .gal, de xeito que se inicia un proceso de migración para que o dominio galego pase a empregarse preferentemente para a identidade na web da Administración.
A directora xeral da Asociación PuntoGal, Edita de Lorenzo, asegura que “seguimos traballando para que moitas empresas privadas galegas vexan a vantaxe de ter o seu enderezo en Internet no marco de .gal”, de aí que sexan tan necesarias as iniciativas que promovan o novo dominio da Internet, que a primeiros do ano que vén renovará a súa presenza en liña cun novo deseño e estreando ferramentas como un comparador de prezos dos diferentes reistradores, así como un panel para as promocións vixentes.

PUBLICIDADE