Os dominios .gal inician a senda da baixada de prezo
venres, 31 de marzo do 2017
- A Asociación PuntoGal inicia a rebaixa dos prezos dos rexistros de dominios .gal coa intención de chegar en breve aos 4.000 dominios.
O Mes de Rosalía de Castro tivo un impacto moi positivo do
dominio .gal, que experimentou un importante crecemento ao recibir máis de 400
novos dominios rexistrados, o que coloca ao dominio galego para a sociedade e a
lingua galegas ao bordo dos 4.000 rexistros, o que levou á Asociación PuntoGal
a iniciar de xeito paulatino a rebaixa dos prezos dos dominios para facilitar o
seu espallamento entre particulares, asociacións, empresas e institucións do
país, comezando
a baixa de prezos o 1 de abril. A intención é continuar a baixar os prezos
dos dominios .gal segundo vaia aumentando o número de rexistros.
O dominio .gal botou en 2014, e dende entón o crecemento de rexistros é
constate, confirmando a confianza e o compromiso dos usuarios co .gal, pese a
que os dominios .gal teñen prezos moi afastados de dominios como os .es ou os
.com como consecuencia do seu tamaño moito máis discreto (resultando máis
difícil afrontar os custos de manter activo un dominio de primeiro nivel).
Lembremos que os prezos dos rexistros e as renovacións dos dominios de Internet
dependen de axentes
rexistradores, dos que podemos atopar unha relación na páxina web da Asociación
PuntoGal xunto cos prezos actuais (que iranse actualizando no tempo para
facilitar que os usuarios finais atopen os prezos e condicións que máis se
axusten ás súas necesidades e posibilidades).
A Asociación PuntoGal procurará unha baixada paulatina dos rexistros de dominio
sempre que sexa posible, aínda que cómpre lembrar que tamén será posible gozar
de promocións xerais e sectoriais nos vindeiros meses como, por exemplo, no Día
das Letras Galegas, data de especial interese xa que coincide a celebración das
nosas letras co Día Internacional das Telecomunicacións (tamén chamado Día da
Internet), polo que sempre será unha xornada moi especial para dos dominios
.gal.