Sen Un Peso volve á carga coa sétima edición do Laboratorio Audiovisual de Vedra, máis TIC ca nunca

xoves, 16 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

Este ano os cursos do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV) prestarán especial atención á formación en multimedia en novas tecnoloxías para tódolos elos da cadea creativa (dende que se xera un proxecto até que se pon na pantalla do espectador). A edición 2014 LAV inclúe, máis polo miúdo, cursos de documental web, linguaxe de marcado lixeiro (markdown, wiki) e creación e xestión de páxdinas con Wordpress. Así no contan os responsábeis desta exemplar actividade, exemplar non só polo emprazamento elixido para levar a cabo o programa de accións previsto (no concello rural de Vedra, lonxe do que se entende por grandes capitais europeas do audiovisual) senón tamén por seguir adiante, viva, con todo o que está a caer. Unha vez máis, a proposta vén da man da asociación Sen Un Peso.
Segundo informan os seus membros, xa está aberta a inscrición nos 13 cursos que oferta o LAV014. A matrícula formalízase en liña a través da páxina web da asociación. Os obradoiros, de 14 horas de duración, desenvolveranse na fin de semana do 15 e 16 de febreiro: once cursos para seareiros e profesionais cun prezo de matrícula de 50 euros e dous cursos de balde para alumnado da ESO. As xornadas, informan os organizadores, buscan a formación en diferentes aspectos da linguaxe audiovisual e multimedia para favorecer a autonomía creativa dos participantes: documentais de natureza, inventos para o audiovisual, bandas sonoras, interpretación diante da cámara, vídeo con réflex, animación dixital, vídeo de combate... O abano de posibilidades e potencialidades é ben amplo.
A matrícula para inscribirnos ficará aberta até o 1 de febreiro. Haberá 195 prazas dispoñíbeis, quince por cada curso. Como dixemos, o programa inclúe 11 cursos para público xeral e dous cursos gratuítos para alumnado de Secundaria. O programa de formación combina as materias máis diversas relacionadas coa linguaxe audiovisual, ao tempo que gaña peso a formación en aspectos relacionados coa comunicación a través de Internet. A asociación Sen Un Peso salienta entre as actividades do programa tres obradoiros relacionados co ámbito da comunicación multimedia e en liña: Documental web, impartido por María Yáñez; Linguaxes de marcado lixeiro (Wiki, Markdown), con Iñaki Quenerapú; e Creación e xestión de webs con Wordpress, guiado por Carlos Macías.
Estes son os cursos para o público en xeral:
· Documentais de natureza, con Max Carun
· Vídeo de combate, con Roi Guitián e María Lobo
· Vídeo con cámara réflex, con Rubén Prieto
· Inventos para o audiovisual, con Pepe Penabade
· Dirección de fotografía, con Paco Rocha
· Interpretación diante da cámara, con Xabier Picallo
· Bandas sonoras, con Marcos Payno
· Animación dixital, con Leonardo Zuklev e Bibiana Álvarez
· Documental web, con María Yáñez
· Creación e xestión de webs con Wordpress, con Carlos Macías
· Linguaxes de marcado lixeiro (Wiki, Markdown), con Iñaki Quenerapú
Os cursos de balde para estudantes de ESO son os que citamos de seguido:
· Videoclips, con Miguel Cameselle
· Interpretación diante da cámara, con Manolo Cortés
Segundo informan os organizadores, tódolos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 15 e o domingo 16 de febreiro. Para esta sétima edición, a idea dos promotores foi a de facer de LAV “un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais e multimedia”. Segundo engaden, facendo reconto dos froitos recollidos, polo LAV pasaron desde 2008 máis de 1.000 afeccionados e profesionais. “Na Asociación Sen Un Peso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes”, explican, de aí que o intercambio de coñecemento e o aproveitamento útil e colectivo do mesmo sexa un piar fundamental do seu programa. Con esta fórmula, din, pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

PUBLICIDADE