A webserie A arte de ser (mal) pai poderá verse na Coruña
venres, 15 de marzo do 2024
- Óscar Cruz xunto ao valo publicitario da webserie de Porco Bravú
A webserie A arte de ser (mal) pai puido verse por primeira vez no Carballo Interplay, onde esta produción de Porco Bravú conseguiu o galardón á Mellor Serie V.O. Galego e o Premio do Público, e agora, pese a seguir a ser «a única webserie que non está na web (pero ten valo publicitario)», poderá verse no Auditorio da Sede de Afundación na Coruña, dentro do programa Cultura por Alimentos.
Deste xeito, os que queiran ver esta serie finalista nos XXII Premios Mestre Mateo en pantalla grande pode solicitar unha reserva no despacho de billetes en liña de Ataquilla.com. A proxección será este sábado ás 20:00 e as persoas que queiran acudir non terán que pagar con cartos, senón que confíase en que fagan unha contribución en forma de produtos non perecedoiros (como leite, aceite de oliva, conservas de peixe ou legumes ou alimentos infantís) que recollerá a Federación Española de Bancos de Alimentos.
A arte de ser (mal) pai conta a historia dun pai corentón interpretado por Xosé M. Esperante, obrigado a despedirse da súa filla, a novísima actriz Jacoba de Llano. Durante os tres días nos que sucede a emocionante historia, os creadores ofrecen unha mirada profunda e conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade do que significa ser adolescente neste mundo moderno. Tamén participan nesta webserie intérpretes como Marita Martínez, Sabela Arán, Fede Pérez ou María Costas.
Tanto o creador da serie, Óscar Cruz, como o seu director, Jorge Boquete, aseguran que esta serie en galego «viaxou por todo o mundo e tivemos a sorte de recoller premios moi importantes», engadindo que «agora o maior recoñecemento sería ver a serie nunha plataforma como a da TVG».
Tráiler da serie web