A serie Ghuasapp dará o salto á TVG

luns, 4 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro domingo ás 22:00 a TVG vai estrear na TDT a serie Ghuasapp, comedia familiar que até o momento era exclusiva da plataforma dixital AGalega, e que agora ábrese ao grande público en horario de máxima audiencia.
Esta produción de CTV ten como fío condutor o grupo de WhatsApp dunha familia galega, os Freire, transcorrendo a acción nunha vila rural moderna onde os usos e costumes tradicionais se adaptan aos cambios da sociedade.
A familia Freire está formada por Lolo e Carme, os avós, un ex-mariñeiro e a matriarca devota de San Benitiño que ten na retranca a súa mellor arma. Xa xubilados, teñen tres fillos: Sindo, un perruqueiro divorciado cunha filla adolescente; Benito, coñecido como Beni, cantante frustrado e taxista de profesión; e Rosa, unha psicóloga, agora influente, que vive en Londres co seu marido John, un cirurxián que non pode exercer. O clan complétase co Nerea, filla de Sindo, que é a neta responsable e coach tecnolóxica da familia.
A produción está protagonizada por Mercedes Castro, que interpreta a Carme, actriz coñecida polos seus papeis en series como Pazo de familia, Águila Roja ou Hospital Central e en películas como Camino e Los fantasmas de Goya; Evaristo Calvo, que fai de Lolo, actor que participou anteriormente en series tan recoñecidas como Rapa, Un asunto privado, As bestas, A lei de Santos ou Vivir sin permiso; María Mera, que é Rosa na serie, actriz protagonista en series como Motel Valkirias, O sabor das Margaridas, Dalia, a modista ou O Faro, e presentadora doutros tantos programas de televisión, como o recentemente estreado concurshow de TVG Noite Xigante; Fernando Tato, que interpreta a Benito, actor que formou parte do reparto de series como Laura y el misterio de la novia que esperó demasiado de 2023 e outras anteriores como Libro de Familia ou Matalobos; Xoel Fernández, que fai de Sindo, actor coñecido polo público por participar en producións como Vivir sin permiso ou Fariña, ademais de traballar no filme Quien a hierro mata; Diogo Sales, que ten o papel de John, actor brasileiro que participou en producións como Pollos sin cabeza e na internacional Juego de Tronos; e Marta Costa, que se mete na pel de Nerea.
A serie, composta por 30 capítulos de 25 minutos cada un (dos que os 7 primeiros xa están dispoñibles en AGalega), está creada a partir dun modelo de realización multicámara. A obra é unha idea orixinal da guionista ourensá Alba Araújo, que traballou noutras producións como O Faro, Los Hombres de Paco ou Motel Valkiria. Ao fronte do equipo técnico atópanse Ghaleb Jaber Martínez e Xosé Arias (produción executiva), o noiés Luis Avilés Baquero (director, coñecido polo seu traballo en + Cuñados, Operación Marea Negra: La travesía suicida e Galicia Exprés ); e Luis Miles, Raquel Arias, Raquel Nogueira e Manuel Darriba (guionistas), entre outros profesionais que participaron no proxecto.

PUBLICIDADE