Imaxinaria dará a coñecer a animación audiovisual menos comercial
martes, 5 de marzo do 2024
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación do programa da segunda edición do Festival Internacional de Animación Imaxinaria, impulsado por Afundación co obxectivo de dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector.
Baixo a dirección de Matilde Rodríguez, comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC), e do ilustrador e realizador coruñés Alberto Vázquez, referente na animación actual, gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, as proxeccións e actividades principais de Imaxinaria terán lugar desde mañá ata o domingo na Sede Afundación da Coruña e con entradas á venda a beneficio do Banco de Alimentos.
A Xunta colabora na celebración deste festival que, segundo Jacobo Sutil, “contribúe a xerar un espazo de encontro, divulgación, e proxección para o sector da animación, que en Galicia conta con propostas moi innovadoras e un talento recoñecido nos festivais” como vén de suceder nesta última edición dos Goya, onde a curtametraxe do animador galego Martín Romero, To bird or not to bird, apoiada pola Xunta de Galicia e programada dentro desta edición do Imaxinaria, conseguiu unha estatuíña.
O programa de Imaxinaria contará cunha sección oficial onde compiten 44 curtametraxes (nove estreas en España e 27 estreas en Galicia), e un programa paralelo composto por diferentes seccións temáticas, charlas, longametraxes e retrospectivas. A sección Na Retina rende homenaxe a Disney, mentres Radar Galicia recolle unha escolma de novos creadores galegos entre os que se atopan, ademais da curta de Martín Romero premiada na última edición dos Goya, Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; Avetimología, de Xosé Zapata; In half, de Jorge Moiras; Alguén me chamou serpe negra, de Borja Santomé; Marcapáxinas, de Miguel Flores da Costa; e Cats, de José Garnelo. Ademais, haberá dúas sesións dedicadas a analizar o proceso dunha obra desde o cómic á animación, e a sección Foco que este ano estará dedicada ao 8M coa proxección da longametraxe de animación, My Sunny Maad, da directora, animadora, ilustradora e actriz checa Michaela Pavlátová, premiada en Annecy e Guadalaxara. Premio César á mellor película de animación e candidata aos Globos de Ouro de 2022.
Pavlátová, todo un referente da animación internacional, exercerá como madriña desta edición en homenaxe á súa traxectoria. Como animadora experimental feminista, a súa obra explora temas relacionados co sexo, o xénero, a filosofía e as relacións humanas, utilizando sempre o seu inconfundible grafismo e sentido do humor. A directora participará no programa de actividades de Imaxinaria impartindo unha clase maxistral.