Saramago estrea blog cunha alta afluencia de visitantes
martes, 16 de setembro do 2008
O Premio Nobel portugués de Literatura, José
Saramago, autor de obras como Todos os
nomes, Cadernos de Lanzarote ou A
viaxe do Elefante (libro que acaba de rematar logo de pasar 7 meses cunha
doenza que mesmo o tivo ao borde da morte), vén de afianzarse de cheo nas novas
tecnoloxías (que, por certo, lle veñen como anel ao dedo para dar renda solta á
súa característica imaxinación) coa
estrea dun blog propio no que se achega máis (e mellor) aos seus lectores e
da a coñecer o seu peculiar estilo entre os bitacoreiros da Rede.
O propio Saramago recoñece que este novo xeito
de interactuar cos seus seguidores vaille permitir “comentar acontecementos, expresar opinións, reflexionar en voz alta e
comportarse como un blogueiro máis dos que abondan no ciberespazo”, dun
xeito máis directo e intuitivo, a través da páxina oficial da súa fundación ou da
ligazón directa:
blog.josesaramago.org.
O blog, que pode visitarse en portugués,
inglés e español, xa conta con dúas entradas asinadas polo escritor así como
con diversas novas relacionadas co seu traballo e co transcorrer do seu día a
día.
A bitácora contén, asemade, unha presentación
con fotos de Lisboa de Luis Pavao e a música de Carlos Paredes, que fai máis
amena, se cabe, a visita do blog.