Santiago acolleu a presentación da innovadora aplicación deportiva Playtomic

luns, 30 de abril do 2018 Redacción

O pasado 26 de abril celebrouse en Santiago unha xuntanza coas novas tendencias da mercadotecnia, a publicidade e a comunicación. A cita Hoxe é marketing desenvolveuse no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela e foi, ante todo unha ocasión axeitada para escoitarmos a algúns dos principais expertos do noso tempo en materia de dirección empresarial e novas tecnoloxías aplicadas ás vendas e á comunicación. O foro, organizado por ESIC e IESIDE, contou coa presenza (no ciclo de conferencias) de Pedro Clavería, director executivo de Playtomic, que expuxo a importancia da tecnoloxía como punto de inflexión en mercados tradicionais. Ou sexa, da súa importancia como elemento que marca un antes e un despois irreversible. Ademais, presentou as posibilidades da ferramenta móbil do mesmo nome.
Segundo fixo saber, sectores como o das reservas hostaleiras, os voos ou a restauración “foron transformados pola tecnoloxía”, e, malia que os produtos e servizos non mudaran, si que o fixo a distancia entre a oferta e a demanda, que foise esvaecendo. E engadiu: “A simplificación dos procesos supuxo un aumento exponencial das cifras de negocio; viaxamos máis, imos máis a restaurantes e os prezos son máis competitivos, e en todo este proceso España converteuse en pioneira na dixitalización dun sector tan estendido como o do deporte”. Porén, sinalou, aínda resta camiño por percorrer. De feito, dixo, “malia os avances tecnolóxicos, o 90% das reservas deportivas xestiónanse off-line”.
Para contribuír a reverter o devandito estado de cousas, explicou Pedro Clavería, emprendedores e investidores estatais fixeron realidade a posta en marcha de Playtomic, unha iniciativa que xorde coa intención de “fomentar a actividade deportiva simplificando o proceso á hora de realizar unha reserva”. O relator explicou que a través da súa aplicación e páxina web os usuarios poden reservar pistas de pádel e tenis “en tres simples pasos”, aínda que moi axiña ampliarase a súa oferta de deportes. O seu principal obxectivo é “converterse na ferramenta definitiva para facilitar e incrementar a práctica do deporte”. A aplicación permite reservar unha instalación deportiva “en só tres clics” e, seleccionando a zona e a hora á que se quere xogar, a ferramenta mostra as pistas dispoñibles coas mesmas condicións e prezo do club. “A reserva e o pago realízanse desde o móbil ou a web de forma inmediata e segura; permitindo posteriormente ao usuario a xestión da seu reserva en tempo real”, explicou o conferenciante, engadindo que a día de hoxe, a ferramenta fornece dispoñibilidade en máis de 2.500 pistas de pádel e tenis en todo o territorio estatal, “aínda que esta cifra increméntase de continuo debido ao interese dos centros deportivos por incluír a súa oferta e que esta se atope a disposición dos xogadores”.