Qualcomm presenta a familia Snapdragon 700

martes, 27 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do Mobile World Congress de Barcelona Qualcomm presentou a súa nova serie de procesadores móbiles Snapdragon 700, deseñada para achegar prestacións propias da familia 800 a produtos máis asumibles. Un dos elementos chave dos novos Snapdragon 700 serían o uso dun motor de intelixencia artificial, así como de mellora a nivel de cámara, rendemento e consumo.
A plataforma móbil Snapdragon 700 supón multiplicar por 2 o rendemento do motor de intelixencia artificial de Qualcomm con respecto a un Snapdragon 660, podendo aproveitarse para a captura de imaxe e vídeo, para recoñecer voz ou para facilitar un mellor aproveitamento da batería. Esta serie tamén tirará proveito das posibilidades do ISP Spectra, para conseguir fotografías de maior calidade tanto de noite como de día, así como para conseguir boas gravacións en cámara lenta.
Cos Snapdragon 700 chegarán novas arquitecturas que permitirán unha mellora da eficiencia enerxética nun 30%, así como tamén poderá tirarse proveito da tecnoloxía Quick Charge 4+, que permitirá cargar a batería ata o 50% en só 15 minutos.
A nivel de conectividade incorporará LTE a grande velocidade, novas características Wi-Fi e tamén mellorará o Bluetooth 5.
Estes novos procesadores iniciarán a súa distribución entre os fabricantes na primeira metade do ano.