Proxecto tecnolóxico en axuda das persoas con parálise cerebral
xoves, 22 de setembro do 2011
Calquera iniciativa, por pequena que sexa, que promova o uso das TIC no noso país, ten boa acollida en Código Cero, porén, se a iniciativa, como é o caso, ten por obxecto axudar ás persoas que sofren algún tipo de discapacidade e para iso se vale das novas tecnoloxías, énchenos de satisfacción darlle acubillo na nosa web para facernos eco do bo facer galego en materia de solidariedade.
Desta volta falamos do proxecto Un mundo accesible, promovido pola asociación Amencer-Aspace e a empresa InfoJC, socia de INEO, que se vai presentar mañá en Vigo, e que ten por obxecto promover o uso das TIC como elemento para mellorar notablemente a calidade de vida das persoas afectadas por parálise cerebral.
A xornada dará comezo a partir das 16:30 horas na sede de INEO, no Consorcio da Zona Franca de Vigo, e o seu cometido é fomentar entre profesionais, usuarios e familiares de afectados pola devandita doenza o uso de tecnoloxías accesibles como elemento favorecedor da integración social e da conciliación da vida coas familias.
Neste senso, os responsables de Info JC, empresa punteira no desenvolvemento de proxectos de accesibilidade e innovación social no noso país, aproveitarán a cita para mostrar algunhas das súas propostas baseadas en código libre que potencian a autonomía dos usuarios.
Javier Cebreiros, Director de Proyectos de Info JC adianta que “este proxecto trata de promover o uso das novas tecnoloxías nas prácticas docentes e dinamizadoras nos centros e nos fogares, explicar casos de éxito e difundir a necesidade da accesibilidade”. “Unha atención idónea”, engade, “permite que a persoa mellore os seus movementos, o seu desenvolvemento intelectual e o seu nivel de comunicación e interacción social”.
A presentación deste proxecto contará coa participación de recoñecidos expertos do campo das TIC e do ámbito da parálise cerebral como Iago Pérez Santalla, escritor de varios libros de motivación e superación, afectado por unha parálise cerebral dende o seu nacemento, que relatará a súa experiencia acompañado por Manuel Rivero, experto en liderazgo e autodesenvolvemento. Representando a Amencer estará Mónica Touriño.
No evento participarán, asemade, César Blanco, director de Academia Postal, Luís Álvarez Sestelo, COO do Centro Tecnolóxico Gradiant, e Javier Cebreiros, responsable de Proxectos de Info JC, que explicarán de primeira man o que significa a aposta deste proxecto por darlle pulo á accesibilidade e á integración das persoas afectadas por parálise cerebral, grazas ao uso das novas tecnoloxías.
