Os novos iPhone comezarán a venderse en España o 25 de outubro

mércores, 9 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A presentación dos modelos 5C e 5S do iPhone rematou cunha grande incógnita relativa ao calendario de lanzamentos dos novos smarphones de Apple, pois aínda que o día 20 de setembro fose a comezar a venderse nos mercados máis importantes para a compañía de Cupertino, para o resto do mundo só concretaran que os novos móbiles chegarían antes de rematar o ano. Non son poucos os que temían que, ante os problemas de abastecemento que están a ter os novos móbiles, estes non fosen a venderse en España ata o mes de decembro, pero finalmente Apple anunciou que os días 25 de outubro e 1 e 3 de novembro serán as vindeiras datas nas que os novos dispositivos chegarán a numerosos países.
Concretamente o 25 de outubro poranse á venda o iPhone 5S e 5C en Austria, Antillas Francesas, Bélxica, Bulgaria, Corea do Sur, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Macao, Malta, Países Baixos, Noruega, Nova Zelandia, Polonia, Portugal, República Checa, Reunión, Romanía, Rusia, Suecia, Suíza, Tailandia e Taiwán. Xa o 1 de novembro chegarán á Albania, Armenia, Colombia, El Salvador, Guam, Guatemala, India, Macedonia, Malaisia, México, Moldavia, Montenegro e Turquía; mentres que en Arabia Saudita, Bahrein e Emiratos Árabes Unidos terán que agardar ao 3 de novembro para mercar os novos iPhone.
Unha mala nova que acompaña ao anuncio de que teremos novos iPhone o 25 de outubro en España é o seu prezo, que será igual que o de Francia, o que supón un incremento de 30 euros con respecto aos prezos que tiñamos o ano pasado. Así, o iPhone 5C de 16 Gb custará 599 euros, e o de 32 Gb terá un prezo de 699 euros (deixando claro en ambos casos que non estamos ante un móbil de baixo custo), mentres que o iPhone 5S custará 699, 799 e 899 euros para a súas versións de 16, 32 e 64 Gb respectivamente.
Tamén estarán dispoñibles as fundas para os novos móbiles, que custarán 39 euros no caso do iPhone 5S e 29 euros para o iPhone 5C.