Os Premios INCUVI-Emprende distinguen unha ducia de proxectos modélicos en innovación

venres, 13 de marzo do 2015 Redacción

A cuarta edición dos Premios INCUVI-Emprende xa ten nomes propios: os dos gañadores finais desta convocatoria, a máis concorrida de cantas se teñen lanzado dende a Universidade de Vigo e os seus Campus. En total, temos 12 proxectos gañadores. Nesta edición participaron por vez primeira as iniciativas empresariais da incubadora do Campus de Ourense, que conseguiron facerse con catro dos galardóns. Outros seis foron para proxectos do Campus de Vigo e os dous restantes para start-ups emprazadas en Pontevedra. En total presentáronse 44 iniciativas comandadas por máis de 70 estudantes. Para as e os estudantes comeza agora un ano “de intenso traballo” nos acubillos do Campus de Vigo (pre-incubadora), Pontevedra (AJE Pontevedra) e Ourense (Técnopole).
Na entrega de distincións estivo presente o reitor Salustiano Mato, que fixo fincapé “no alto índice de start-ups que se están a crear na Universidade de Vigo”. Tamén lembrou que as tres primeiras edicións dos premios deron acubillo a 20 iniciativas, algunhas delas consolidadas xa como empresas. A todas elas, engadiuse durante o peche da cuarta convocatoria, achegóuselles a posibilidade de contar a súa idea, de compartila, mellorala, acadar contactos e formarse. Así, amais dos locais dos que dispoñen durante un ano, os proxectos gañadores reciben teléfono fixo e móbil, un dispositivo de web-TV e un bono formación de 1.000 euros para cada un dos compoñentes dos proxectos e a asistencia de balde a cursos e sesións organizados polas entidades patrocinadoras.

Campus de Vigo

No Campus de Vigo, en virtude dos premios, haberá seis novos inquilinos da incubadora de Cidade Universitaria. Por unha banda temos Diente de Tiburón, iniciativa creada por catro estudantes da Escola de Enxeñería Industrial e dirixida a tirar partido dos dentes das quenllas para o seu emprego como produto biomédico en tratamentos de traumatoloxía, odontoloxías e cirurxía maxilofacial. Tamén foi recoñecido o labor de Soforest, un proxecto orientado á asesoría forestal, máis polo miúdo ao impulso do que se coñece sociedades de fomento forestal (promover que os propietarios se unan para xestionar parcelas de maneira máis eficiente). Outra das iniciativas premiadas foi Vigo Corre, de tres alumnos do Grao en CC da Actividade Física e do Deporte, creadores dunha app específica para corredores e coa que se ofrecen servizos como rexistros de percorridos ou plans de exercicio físico. Tamén arredor do mundo das novas tecnoloxías xiran Apps que nos cambian, proxecto orientado ao desenvolvemento de diversas aplicacións web para facilitar a vida das persoas; Chatty Hive, iniciativa enfocada aos servizos de chat e ás redes sociais, e Formación en Tecnología para Niños, proxecto que se pon en marcha coa idea de facer chegar as novas tecnoloxías ao mundo da nenez da forma máis lúdica posible.
E xunto a estes seis proxectos gañadores, recibiron tamén cadanseu accésit Túnel de Viento Virtual e Muuurfid, iniciativas que pasarán a ocupar o espazo de co-working financiado por La Caixa na Cidade Universitaria.

Campus de Ourense

Pola banda de Ourense premiouse o potencial de Traster, unha plataforma dirixida a poñer en contacto as persoas que necesitan reparar ou revisar un ordenador con profesionais cualificados. Na iniciativa participan titulados en Enxeñaría Informática, ADE e Tradución. Outra das start-ups que se instalará na Tecnópole é Ibeeagro, un innovador sistema de seguimento e xestión agrícola. Asemade, distinguiuse o proxecto Meigalabs, formado por tres estudantes da Escola de Enxeñería Informática e Consultoría Deportiva e impulsado por un estudante do Máster en Xestión Empresarial do Deporte.

Campus de Pontevedra

Pola banda de Pontevedra recoñeceuse a creatividade de Atec Creative Solutions, unha das iniciativas que se situará nos espazos de AJE Pontevedra e cuxos servizos están orientados a coidar a imaxe das empresas a través das páxinas web, aplicacións, deseño gráfico, fotografía, etc. A outra iniciativa gañadora con selo pontevedrés é Beltaine, un proxecto que se centra no desenvolvemento de produtos de alimentación baseados na conserva tradicional galega e na nova cociña contemporánea. A estas iniciativas hai que sumar outros dous accésits, Cerveza Artesana e E-Natura, con dereito á utilización do espazo co-working, situado tamén nas instalacións de AJE Pontevedra.