Os Bolechas estrean web-comunidade con novos contidos e servizos

luns, 26 de outubro do 2015 Redacción

Hoxe toca falar da nova web duns personaxes ben queridos polos nosos rapaces e, tamén, por boa parte das nais e pais e deses rapaces: a familia de Os Bolechas. A páxina acabada de estrear polos irmáns creados por Pepe Carreiro faino con dominio galego (osbolechas.gal) e coa arela de achegar recursos cen por cen renovados e integradores (un dos obxectivos é xuntar material espallado ata o de agora en diferentes espazos en liña). Tamén hai novos servizos e contidos, como é de agardar. A páxina xorde como resposta ante “o incremento de socios e seareiros da familia Bolechas, así como ante a gran cantidade de materiais creados nos últimos tempos”. En definitiva, Osbolechas.gal é un casa máis grande e mellor para os personaxes de Pepe Carreiro e para os seus pequenos seguidores: unha comunidade interactiva onde hai ben de sitio para acubillalo todo.
A nivel de apartados, a páxina, cuxo desenvolvemento implicou meses de “intenso traballo”, inclúe unha sección de información sobre a familia Bolechas e o seu autor; outro apartado sobre o Universo Bolechas (serie de TV, a caravana itinerante polas nosas vilas e cidades, concursos, xoias, música, obradoiros); outra sobre Novas (onde podemos consultar todas as informacións publicadas dende o ano 2012 así como as novas que van ir envorcando á nova páxina web); e máis unha zona de Xogos (con actividades “para toda a familia con distintos niveis de habilidade e dificultade”.
Os creadores da web (Pepe Carreiro e o seu equipo) tamén salientan a incorporación dunha zona de Socios (onde os novos seareiros poden darse de alta para formaren parte do Club dos Bolechas e os que xa son socios gozarán de novas vantaxes e servizos específicos) e máis a inclusión dunha Área Didáctica, presente ata o de agora nalgunhas páxinas temáticas sobre a familia pero contando a partir de xa cun espazo específico de seu. Na Área Didáctica, infórmase, acubíllase material educativo elaborado conxuntamente por pedagogos e profesionais de cada temática e destinado a escolares de Educación Infantil e Primaria. Esta sección, coma as restantes, irá ampliándose co tempo con novos recursos, “de xeito que sexa un espazo vivo e activo onde nais, pais e educadores poidan acudir frecuentemente para xogar e aprender cos cativos da man dos seus personaxes favoritos”, sinalan os creadores da web, que tamén salientan o apartado de Libros (onde se poden consultar as novidades editoriais ou acceder ao libro fala)– e a Canle TV, un espazo que responde ás peticións dos seguidores dos Bolechas por ter os capítulos da serie de televisión dispoñibles en liña as 24 horas do día e accesibles dende onde queiran. Compleméntase todo o ofrecido na web coas diferentes xanelas ás redes sociais onde a familia galega de animación creada por Pepe Carreira ten presenza (Facebook, Twitter e Youtube) e comunidade.