O2 chega a España con parte do espírito que levou a Pepephone ao éxito

martes, 12 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A fichaxe de Pedro Serrahima, quen está considerado o responsable da estratexia de éxito de Pepephone, por parte de Telefónica sabíase que ía desembocar no lanzamento dun novo operador telefónico de baixo custo, que puidese ter unha mellor acollida que a actual marca Tuenti, e finalmente decidiron por aproveitar unha marca de Telefónica en Reino Unido, O2, que comezará a competir no mercado español, presentándose hoxe a súa oferta comercial.
O2 comezará a operar estes días en probas, cunha dobre oferta que por unha banda achegará conexións móbiles e por outra permitirá contratar fibra e móbil, chegando o seu lanzamento masivo despois do verán. Esta nova compañía busca atender a usuarios con altas esixencias, pero que queren unha oferta sinxela, de aí a curiosidade da súa tarifa móbil de lanzamento, que inclúe 20 GB de datos/mes, chamadas e mensaxes de texto sen límite dentro de España e un prezo de 20 euros/mes.
No que respecta á oferta combinada de fibra e móbil, O2 achegará conexións de fibra simétrica a 100 Mbps, con liña fixa con chamadas ilimitadas a fixos nacionais e unha tarifa móbil como a mencionada antes por 45 euros/mes. Será posible contratar até 3 liñas móbiles adicionais con 10 GB de datos, chamadas e mensaxes ilimitados por 15 euros/mes cada unha.
Pero a oferta residencial de O2 terá limitacións xeográficas, de xeito que inicialmente só poderá aplicarse nas 66 cidades na que a CNMC considera que hai unha competencia real (que no caso galego sería só Vigo), aínda que confían na actualización da listaxe da Comisión en breve. Nas cidades con prezos regulados en vez de 45 euros/mes pola oferta converxente habería que pagar 58 euros/mes, pero os 13 euros adicionais axustaranse en canto a cidade do cliente pase a estar considerada zona competitiva.
O director de Estratexia Multimarca de Telefónica España, Pedro Serrahima, quere que O2 teña unha política semellante á que no seu día tivo Pepephone e, por exemplo, os clientes non recibirán información comercial nin publicitaria (nin de O2 nin de terceiros), haberá unha canle de atención ao cliente de alta dispoñibilidade na que os operadores non recibirán incentivos para a venda de produtos e cando un cliente reclame un cargo indebido a compañía devolverá os cartos antes de analizar o caso en cuestión.

PUBLICIDADE