O programa #UpdatePEME impulsará con casos de éxito a dixitalización dos nosos sectores

luns, 13 de febreiro do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai pór en marcha o vindeiro 23 deste mes un programa específico para amosar e visualizar solucións tecnolóxicas de interese para as nosas empresas, pertenzan ao eido produtivo ao que pertenzan, a través de presentacións de casos de éxito. Trátase do #UpdatePEME, unha iniciativa que salienta polo seu “enfoque sectorial”, sinala axencia que dirixe Mar Pereira, engadindo que o programa estará integrado na actividade do Centro Demostrador TIC. Cada unha das sesións que abrollen de #UpdatePEME irá encamiñada a fomentar a dixitalización dun sector determinado. Nelas, as empresas que xa pasaron este proceso de modernización amosarán as súas experiencias con produtos ou servizos tecnolóxicos con potencial para o restante colectivo.
Serán, máis polo miúdo, sesións afterworks (a celebrar a partir das 19h e en torno a unha hora de duración) arredor de tecnoloxías que “poidan ser útiles de forma inmediata, desde un punto de vista moi práctico e con casos reais de aplicación en empresas”. Segundo lembra AMTEGA, no transcurso destes encontros “os relatores deixarán fíos, cuestións de interese, para que os participantes poidan tirar e, desta forma, espertar o interese das empresas asistentes e que sexan estas as que decidan afondar ou pedir máis información do produto ou servizo exposto”.
As sesións complementaranse con gravacións de cada unha das intervencións e artigos divulgativos sobre a aplicación das tecnoloxías amosadas, que poderán ser consultados polas empresas na web do Centro Demostrador, cdtic.xunta.gal.
O programa comezará o vindeiro 23 de febreiro coa sesión #UpdatePEME_Turismo: Como a dixitalización pode axudar ás empresas turísticas. Nesta primeira achega, na que colabora o Clúster Turismo de Galicia, o experto en turismo e TIC, Enrique Lancis, introducirá o visión xeral da tecnoloxía existente no mercado para a comercialización turística.
A continuación abordarase a tecnoloxía aplicada por diversas empresas do sector. A modo de faladoiro aberto, compartirán a súa experiencia práctica no uso de ferramentas TIC. Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde, sinala AMTEGA, que lembra que é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.