O encontro I+P do clúster audiovisual acolleu a presentación de 24 proxectos

venres, 17 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Antón Reixa, presidente do CLAG, nunha imaxe achegada por A Nosa Terra

O audiovisual galego atópase nunha encrucillada semellante, coas súas lóxicas diferenzas, á que atravesa o noso tecido tecnolóxico-dixital. Ámbolos sectores están a apostar forte pola innovación e desenvolven o seu traballo cun ollo posto alén das nosas fronteiras, xa que está claro que sen o afianzamento en mercados externos non se dan as opcións de medre que se desexan. Dáse a casualidade ademais de que un sector precisa do outro, e viceversa, e que as canles de comunicación son como unha estrada de fluxo constante. No caso concreto do audiovisual galego, o futuro pasa por forza pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. Así nolo lembraron este mércores os preto de cen profesionais do sector que participaron na sexta edición do I+P Ideas para producir que organiza o Clúster do Audiovisual Galego (CLAG).

O evento, promovido coa axuda do IGAPE, contou coa presenza de Joaquín Varela de Limia, director xeral do ente autonómico, e o presidente do CLAG, Antón Reixa. O primeiro salientou a necesidade de situar á industria galega nun mercado internacional, afianzala no exterior, e este precisamente é un dos grandes obxectivos do IGAPE, sinalou. Por certo que a isto responde o convenio subscrito co clúster para o trienio 2010-2012 de apoio ao impulso tecnolóxico na formación e a internacionalización do audiovisual galego.

Ao abeiro da edición 2010 do I+P, presentáronse un total de 24 iniciativas do eido audiovisual: nove de cine, dúas de televisión, nove series ou miniseries, dous documentais e outras dúas produtoras galegas, Filmanova e Voz Audiovisual, explicaron detalles dos seus traballos recentes no sector.

Polo que respecta ao resto dos proxectos, foron achegados polos selos Abano, Forma Animada, Formato Producciones, Artemática, Perro Verde Films, a catalá Lince Studios, Continental Producciones, Artefacto, Ignacio Benedeti Cinema, Portocabo, Produtora Faro, ZOZO, Producións Zopilote e Studio XXI, amais de polos creadores Miguel Calvo, Xes García, Héctor Carré, Xes Chapela e Darío Carrera.

Nesta convocatoria tamén participaron representantes de 13 canles de TV, sete nacionais e seis autonómicas de Galica, Madrid, Catalunya, Euskadi, Valendia e Castela A Mancha. Nun eido máis concreto, interviron na xornada directivos de TV como Baldomero Toscano, director de Produción de Programas de Tele 5; José Manuel Pinillo, director de Programación de TVE 2; Miguel Morant, director de Ficción de Cuatro; María Rubín, responsable de Cine español de Canal +; ou a directora de NEOX e NOVA, Mar Martínez.

PUBLICIDADE