O centro atlanTTic pon en marcha un ciclo de almorzos arredor da tecnoloxía: A cup of TTic

luns, 15 de abril do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo, inaugurou este 11 de abril un ciclo de almorzos-networking denominado A cup of TTic, cuxo obxectivo é constituírse como “un punto de encontro relaxado, inspirador e dinámico onde o persoal investigador poida presentar e dar a coñecer a súa investigación, compartir inquietudes e explorar posíbeis colaboracións”.
Neste primeiro encontro os investigadores do centro Alberto Estévez Caldas e Rubén Pérez Vaz presentaron ás persoas asistentes o proxecto de proba de concepto edgeContinuum, financiado polo programa IGNICIA da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Estas sesións matinais celebraranse de xeito periódico e están abertas a todo o persoal investigador do centro, e o formato inclúe a presentación dun proxecto de investigación e un tempo adicado ao almorzo e á conversa.
A segunda sesión de A cup of TTic será o vindeiro 29 de abril e contará coa presentación do investigador José Manuel Ramírez Sánchez, que falará sobre os proxectos COPERIA e VISIA, dentro da liña de investigación sobre detección de desordes neurolóxicicos usando tecnoloxías multimedia.

PUBLICIDADE