Nunegal, tecnolóxica galega experta en TIC, adquire Saec Data

luns, 29 de abril do 2024 S. P.

Equipo de traballo da firma galega Nunegal

A empresa coruñesa Nunegal Consulting, experta en servizos TIC, desenvolvemento de software e asesoramento, vén de ampliar e reforzar os seus servizos adquirindo o 100% de Saec Data, pasando a ter un equipo de máis de 300 persoas, con oficinas na Coruña, Barcelona, Bilbao e Vigo.
Saec Data, empresa con sede en Vigo e fundada en 1984, conta cun importante volume de operacións a nivel nacional, e centra a súa oferta de produtos e servizos principalmente no sector do mar.
Segundo Juan Sanjuan, director executivo (CEOI de Nunegal, “esta adquisición supón a suma dun equipo de profesionais con gran experiencia no sector, que nos permite abrir novas vías de crecemento e fortalecer o noso posicionamento, en concreto, no ámbito do mar”.
Pola súa banda, Enrique Pérez, director de Saec Data, sinala que: “a operación se produce no momento e coa empresa axeitadas, xa que Nunegal dispón de coñecemento no sector do mar, o que facilita a continuidade do traballo que realizamos desde Saec Data”.
Desde as empresas do grupo Nunegal ofrécese unha ampla gama de produtos e servizos, como os seus dispositivos holográficos Show Window de Newtonlab Space, que permiten realizar unha telepresenza en tempo real ou amosar contidos holográficos en escaparates ou museos, aplicando Intelixencia Artificial e Unreal.

PUBLICIDADE