A RAGC e a UVigo homenaxean nun acto ao profesor José J. Pazos Arias

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

O vindeiro xoves, 2 de maio, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Vigo (UVigo) celebrarán un acto in memoriam do profesor José J. Pazos Arias, falecido o pasado mes de decembro. O evento terá lugar no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da institución viguesa, a partir das 13 horas.
José J. Pazos Arias (1964-2023), nado en Baiona (Pontevedra), era académico numerario da RAGC e catedrático de Enxeñaría Telemática da UVigo, centrando a súa actividade investigadora no desenvolvemento de tecnoloxías coas que facer un uso eficaz da información xerada e dispoñíbel en liña, en numerosos dominios de aplicación das TIC. Foi autor de máis de 200 artigos en revistas, conferencias e publicacións do eido internacional, entre outras cousas.
Indo ao acto do xoves, dicir que será aberto polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Participarán ademais o presidente da RAGC, Juan Lema; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Rebeca Díaz; o director do Centro atlanTTic da UVigo, Martín Llamas; o académico da RAGC Pedro Merino; Martín López, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; e Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións da UVigo e académico da RAGC. Para rematar, colocarase unha placa no exterior da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e plantarase un olivo en memoria do profesor homenaxeado, coa presenza da súa familia.