En maio Vitae ofrécenos a cuarta edición do seu curso de habilidades de comunicación

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

Vitae Consultores vai organizar en maio a cuarta edición dunha actividade formativa que nos bota unha man á hora de converternos en mellores comunicadores e comunicadoras, tanto a nivel interno (noso equipo, na nosa empresa) como a nivel externo (con colaboradores, partners, socios, clientes, usuarios, provedores, etc). Trátase do curso Habilidades de Comunicación para Equipos TI, que chega á súa cuarta edición os días 27, 29 e 31 de maio de 2024, impartido unha vez máis pola prestixiosa formadora Josefina Alonso Nocelo. Farase fincapé na comunicación como “ferramenta clave” para a xestión de proxectos de Tecnoloxía da Información e a Comunicación (TIC).
Segundo lembran dende a consultora galega sobre a importancia desta “ferramenta clave”, a comunicación “axuda á colaboración, á coordinación e ao intercambio de información dentro do equipo, contribuíndo tamén a manter a todos os involucrados aliñados, xestionar as expectativas, abordar problemas e cambios, e manter ás partes interesadas informadas sobre o progreso do proxecto”.
En última instancia, engade Vitae repasando as razóns de ser desta actividade formativa fixada para o mes de maio, “unha comunicación sólida e clara mellora as posibilidades de éxito do proxecto e contribúe á satisfacción dos clientes e usuarios finais”.
Coa finalidade de salvar os obstáculos que pode atopar a introdución na empresa de melloras comunicacionais, neste curso desenvolveranse competencias e habilidades en base a un cambio nos esquemas mentais e de conduta da persoa, combinándose aspectos teóricos con exercicios e dinámicas que permitan comprender e interiorizar os conceptos e producir a devandita adaptación ao novo contexto de diálogo, comprensión, empatía e colaboración.
Obxectivos do curso
-Propiciar un cambio de mentalidade e da conduta para desenvolver as habilidades de comunicación.
-Achegarnos habilidades para desenvolvernos con máis facilidade en situacións onde a comunicación sexa importante.
-Axudar a evitar e suavizar situacións que actualmente producen tensión nas partes implicadas.
-Desenvolver as competencias e habilidades de comunicación e de relación nos equipos e profesionais TI.
-Obter fluidez e eficiencia na comunicación con clientes internos e externos.
-Conseguir profesionais cos que sexa máis sinxelo comunicarse e entenderse.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).