Os alumnos dos obradoiros de informática de Porriño reciben cadanseus diplomas de mans da alcaldesa

martes, 15 de novembro do 2016 Redacción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Traballo e Benestar, Soledad Girón, fixo entrega o pasado venres dos diplomas referentes aos obradoiros de informática impartidos dende a Aula CeMIT local. A rexedora entregou as acreditacións a preto de 70 persoas: as veciñas e os veciños de todas as idades que concorreron nas actividades TIC (cursos, obradoiros e seminarios) desenvolvidas ao longo dos últimos meses dende o devandito espazo de divulgación e formación tecnolóxica.
Os participantes recibiron os parabéns da alcaldesa, quen salientou na súa presenza a relevancia do ensino TIC para xente de todas as xeracións: ben para o fortalecemento dos currículos e das opcións laborais, ben porque as novas tecnoloxías abren as portas de importantes melloras comunicativas, informativas e mesmo de saúde (envellecemento activo). A concelleira de Emprego e Benestar, pola súa banda, lembrou que a Aula CeMIT está aberta todo o ano e que os obradoiros que imparte na súa sede, no Edificio Multiusos de Torneiros, “están dispoñibles para todas aquelas persoas que queiran participar neles”. Soledad Girón aclarou que estes cursos son froito da colaboración entre o Concello e o Goberno de Galicia (a través de AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) o que fixo posible “a contratación dos profesores que impartiron cada un dos mesmos”.