O Goberno lanza un portal para impulsar a presenza de turistas-estudantes

venres, 15 de marzo do 2013 Redacción

Un portal para dar pulo ao turismo de estudos. Este é o cometido de studyinspain.info, plataforma presentada esta semana polo Ministerio de Industria en coalición con Turespaña e ICEX España Exportación e Investimentos, entre outras entidades participantes, públicas e privadas, unindo forzas para crear “unha ferramenta que informe sobre o potencial da formación estranxeira en España e que teña capacidade para captar estudantes nos mercados internacionais”.
O portal tamén será de interese para certas entidades galegas, e así se fixo saber na presentación: “Dará acubillo ás suxestións achegadas por representantes de organismos de promoción autonómicos de turismo así como as dos membros de asociacións empresariais”. Con todo, os principais beneficiarios do portal serán os estudantes estranxeiros, xa que, grazas á participación na iniciativa do Ministerio de Educación e da Fundación Universidad.es, que se dirixe a pular a apertura ao exterior das institucións educativas superiores, subministrará “información útil para os estudantes estranxeiros, como por exemplo a necesidade ou non de visado para a súa estancia en España, os procesos de inscrición e matriculacións, taxas, homologacións, etc”. A oferta do novo portal inclúe, entre outros servizos, as Universidades con estudos de grao e de posgrao; as Escolas de Español acreditadas polo Instituto Cervantes; e cursos de verán así como as Escolas de Negocio en España, que ofrecen cursos de posgrao.