O Clúster TIC contribuirá a achegar tecnoloxías innovadoras ás PEME galegas

luns, 21 de setembro do 2015 Redacción

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da empresa tecnolóxica Telecon Galicia, acompañado polo director do IGAPE, Javier Aguilera. Conde avanzou un novo acordo de colaboración co Clúster TIC encamiñado a impulsar tecnoloxías innovadoras en sectores económicos concretos da economía galega, potenciando a competitividade das PEME e fomentando a industria 4.0, mentres que Aguilera salientou que a alianza, desenvolvida no marco da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 na que traballa o Goberno galego, permitirá desenvolver, xunto a empresas e asociacións, un catálogo coas tecnoloxías a implantar para a mellora da competitividade empresarial.
“A través deste acordo aspiramos a crear solucións innovadoras e tecnolóxicas que permitan xerar un valor engadido e que permitan que o noso tecido industrial gañe competitividade e están en disposición de acadar novos mercados internacionais”, subliñou Conde.
O Concelleiro resaltou que Telecon Galicia é “exemplo de éxito onde o talento marca a diferenciación”, cumprindo cos obxectivos que lle permite fornecer o tecido industrial galego gañando competitividade e permitíndolle acadar novos mercado internacionais.
A empresa participa no proxecto Innteconecta Acacias, que busca monitorizar o tratamento de oxidación avanzada de contaminantes para a mellora da auga; e, no marco do Conecta PEME, na iniciativa Energía 2.0, que persegue a creación dunha plataforma para a xestión de pequenas redes de distribución de enerxía. Dous proxectos innovadores que están a mobilizar preto de 2,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar novas tecnoloxías innovadoras desde Galicia.