O CiTIUS fortalece o seu equipo con dous novos investigadores informáticos

luns, 7 de maio do 2018 Redacción

O centro tecnolóxico CiTIUS vén de fortalecer a súa capacidade científica e innovadora. E faino coa de dous novos investigadores ao seu equipo: Alejandro Catalá Bolós e Patricia Martín-Rodilla. O primeiro, doutor en Informática pola Universidade Politécnica de Valencia (UPV), continuará ampliando a súa carreira investigadora no centro da Universidade de Santiago durante os vindeiros dous anos, logo das súas estadías en entidades de renome e prestixio, como a Universidade de Twente (Países Baixos), onde desenvolveu o proxecto coBOTnity, adicado a sistemas de narración dixital interactiva, no contexto dunha bolsa de investigación Marie Sklodowska-Curie.
No que se refire ao CiTiUS, unise ao Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS (GSI), onde centrará boa parte do seu traballo nos sistemas interactivos e de colaboración en diferentes contextos, como a creatividade, a aprendizaxe e o lecer, para construír sistemas de computación máis próximos e doados de usar polos usuarios.
Pola súa banda, a investigadora Patricia Martín-Rodilla incorpórase tamén ao CiTIUS cunha nova estadía pos-doutoral de dous anos no marco do Programa estatal de Axudas Juan de la Cierva. Doutora en Enxeñaría Informática pola UPV, as súas liñas de investigación nas Humanidades Dixitais diríxense cara á futura explotación intelixente da información presente en fontes textuais en todos os ámbitos, así como a mellora da análise de datos en disciplinas narrativas e humanísticas.
No CiTIUS, Patricia traballará en novos algoritmos e técnicas para procesar gran cantidade de información textual con maior exactitude, podendo coñecer que conteñen e como se estruturan, mellorando de maneira substancial a súa indexación e procura. A maiores, estudará xeitos de optimizar a visualización dos resultados destas análises para que sexan facilmente comprensibles pola cidadanía.