O CPEIG colaborará coa Xustiza galega na prestación de asistencia pericial en xuízos
venres, 7 de febreiro do 2014

- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
Unha das vertentes onde son cada vez máis
requiridos os profesionais da informática é sen dúbida a vertente
xudicial e policial. Hai un feito que está fóra de toda dúbida: as
cuestións relacionadas co dixital non só dan acubillo a novos
delitos que perseguir, senón tamén a novos eidos de pescuda e novos
tipos de probas e procecementos. Co fin de facilitar o traballo da
Xustiza galega arredor deste eido, o
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia vén de
asinar un acordo coa Consellería de Presidencia para a prestación
de asistencia pericial. O convenio foi formalizado esta semana
polo titular do dito departamento da Xunta, Alfonso Rueda, e o
presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Ao abeiro do acordo, o colexio organizará unha
quenda para a prestación de asesoramento e ditame pericial nos
procedementos penais nos que se requira oficialmente a proba pericial
de oficio. O ditame pericial será emitido por un profesional
colexiado, por designación e baixo o control deontolóxico do CPEIG.
Segundo informa a plataforma profesional galega, “será o propio
colexio o que controlará a formación e a deontoloxía dos peritos,
a liquidación das peritaxes e a repartición das cantidades por
percibir da Administración para a súa indemnización”. Asemade, a
quenda será atendida polos colexiados que de xeito voluntario se
inscriban nela. Estes, engade o CPEIG, terán que reunir os
requisitos de cualificación técnica, formación e experiencia
práctica que o colexio determine e a Administración de Xustiza
requira.
Lembrar tamén que a incorporación á quenda dos
peritos forenses do CPEIG efectuarase unha vez cada ano. Ademais,
terá carácter voluntario e producirase por petición do interesado,
acreditando as seguintes condicións: a pertenza e á incorporación
ao CPEIG; a antigüidade no desempeño efectivo da súa profesión
polo menos de tres anos e a acreditación dunha formación específica
ou a participación en cursos de especialización.
Salientar por último que o CPEIG conta cun Corpo
Oficial de Peritos “con acreditada formación e experiencia”. As
súas funcións son as de dar cobertura e cooperar coa Administración
de Xustiza segundo o establecido no artigo 335 da Lei de Procesamento
Civil e o recollido no artigo 6.h. dos estatutos da entidade
profesional.
