O CCG remodela a web do Arquivo Sonoro de Galicia para achegar os fondos á cidadanía
luns, 22 de marzo do 2021
O
Consello da Cultura Galega vén de dar unha viraxe á web do Arquivo
Sonoro de Galicia co obxectivo de acurtar as distancias entre os
fondos que acubilla, por unha banda, e a comunidade de usuarios da
Rede, pola outra. Trátase duns 10.000 ficheiros e dunhas 6.000 voces
de figuras senlleiras da nosa cultura que están, a partir de xa,
accesibles na nosa pantalla.
A
remodelación constitúe a primeira fase dun proxecto que pretende
contribuír de xeito progresivo á visibilización do material que
custodia a institución. Xosé Ramón Pousa é o actual director do
arquivo, que abrangue fondos editados e inéditos e que foi creado en
1992 coa finalidade de “contribuír á recuperación do patrimonio
sonoro galego e aglutinar en Galicia as distintas iniciativas que
traballan co mesmo afán”.
Actualmente
está dirixido por Xosé Ramón Pousa e ten entre os seus membros con
Rafael Cid, Concha Losada, Xulia Feixoo, Mónica Rebolo, Xerardo
Dasairas Valsa e Cristina Pujales.
Fondos
editados
Cilindros
de cera, rolos de pianola, cartuchos de casetes, casetes, vinilos,
CD, DVD..., son moitos e moi variados os formatos dos máis de 10.000
fondos editados que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. A consulta
deses contidos pode facerse a través do web pero tamén a través do
catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Segundo
destaca o Consello da Cultura, entre os elementos máis destacados
que acubilla a web atópanse os arquivos do Proxecto Lousas,
iniciativa que puxo na rede unha parte destacada das 700 lousas que
inclúen desde as primeiras gravacións de 1904 do Coro Aires da
Terra de Pontevedra ou os numerosos rexistros editados na emigración
bonaerense e cubana, ata cancións galegas interpretadas polas voces
máis destacadas da época.
