O BBVA anuncia que este ano a metade da súa clientela será dixital

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Redacción

O BBVA vén de informar das súas previsións en materia dixital. A información veu achegada polo presidente da entidade bancaria, Francisco González, durante a súa estadía no Foro Económico Mundial de Davos. Segundo fixo saber, a metade da clientela do banco vai estar no mundo dixital. Na súa análise sobre o intre actual do sector financeiro e a transformación tecnolóxica de BBVA, explicou que converterse nunha empresa dixital non é só unha realidade inevitable para a entidade que preside, senón tamén unha necesidade urxente: “Temos que converternos nunha empresa dixital canto antes”, sinalou.
Respecto do 50% de clientela en liña, sinalou que se trata dunha cifra que vai alén dun simple cambio de hábito en usuarios: “Significa que teñen máis produto, máis relación co banco e están moito máis satisfeitos”.
Con respecto ao contexto global, e preguntado sobre se está preparado o regulamento vixente para asimilar as transformacións da industria financeira, Francisco González comentou que “é probable que non, porque estamos a crear unha nova orde mundial”. Segundo engadiu, “estamos inmersos na cuarta revolución industrial e estanse creando moitas cousas, unha parte importante das cales serán diferentes, e para aproveitar todo o potencial das tecnoloxías é necesario ter un regulamento axeitado”. Asemade, avogou por un “regulamento 2.0”, que traballe “mirando os intereses de consumidores, os riscos sistémicos, a estabilidade financeira e, loxicamente, que apoie a innovación”.