O 8 de febreiro remata o prazo para aspirar aos retos de R DiCo Challenge

venres, 25 de xaneiro do 2019 Redacción

A Corporación Radio Televisión de Galicia, a AMTEGA e o operador R unen forzas para o desenvolvemento de cinco retos tecnolóxicos para emprendedores e empresas enmarcados na nova aceleradora de contidos dixitais R DiCo Challenge.
Alfredo Ramos, director xeral de R, Rosa Méndez, directora da área de Sociedade Dixital de AMTEGA e Xosé Pereira, director da Área de innovación e negocio da CRTVG, estiveron no programa da TVG A Revista, onde explicaron con detalle esta iniciativa, que busca fomentar a innovación tecnolóxica no eido dos contidos dixitais. Entre os obxectivos destes retos sinalaron o aproveitamento destas iniciativas para mellorar os produtos e servizos, e impulsar o emprego, nun sector que xa reúne a máis de 5.000 traballadores e unhas 900 empresas.
Televisión de Galicia colabora nos 5 retos pero céntrase nun, unha análise de big data aplicado ao consumo televisivo. Segundo o director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, o obxectivo é coñecer o comportamento dos usuarios en relación cos medios de comunicación en Galicia e tamén noutros produtos audiovisuais, como os videoxogos. Así mesmo, Pereira explicou que para a realización deste reto a CRTVG porá a disposición dos elixidos os sistemas de medición de audiencias da CRTVG ou das súas canles dixitais.
Dentro dos outros retos, destacan un novo sistema de enriquecemento de contidos deportivos ou a creación de aplicacións para Android TV. Amais, tamén se buscarán buscar solucións para transmitir contidos formativos e divulgativos dun xeito innovador.
As ideas para cada un destes retos pódense presentar ata o 8 de febreiro na web de startups R Dico Challenge. Ademais, crearase un espazo na Cidade da Cultura para o desenvolvemento das iniciativas.