Na Rede todo o que precisamos saber sobre BFAero e a nova convocatoria do seu Itinerario de Consolidación

luns, 6 de maio do 2024 S. P.

Para quen precise información detallada da nova edición do Itinerario de Consolidación do Business Factory Aero (BFAero), programa galego de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, dicirlle que ten todos os datos dispoñíbeis na web bfaero.eu, onde ademais de achegarse detalles sobre todos e cada un dos elementos que compoñen a iniciativa tamén se pon a disposición da comunidade internauta un servizo de atención en liña personalizada para resolver dúbidas e atender todo tipo de cuestións.
Como lembraremos, o programa BFAero vén da man da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e está xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo.
Recordar tamén que o prazo para participar na convocatoria do Itinerario Consolidación, dirixido a startups do sector UAV (sector aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados) que se atopen en fase de consolidación, estará aberto até o 14 de maio ás 14.00 horas. O formulario de inscrición tamén se pode cumprimentar a través da páxina web de BFAero.
Tres vertentes
Business Factory Aero é unha iniciativa da Xunta de Galicia que aporta infraestruturas e medios para ofrecer soporte a medida a proxectos aeroespaciais e vehículos non tripulados segundo a fase na que se atope. Vén con tres vertentes:
-Incubación
Para proxectos emprendedores do sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados en Galicia que necesiten validar o seu modelo de negocio; proxectos en fase seed ou semente (proxectos que se atopen nunha etapa inicial, que estean a desenvolver ou desenvolvesen un produto ou servizo mínimo viable e esbozado o modelo de negocio).
-Aceleración
Para pemes do sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados en Galicia que necesiten sistematizar e consolidar o seu modelo de negocio, proxectos en early stage ou fase temperá (proxectos ou empresas cun produto ou servizo definido e/ou primeiras vendas, modelo de negocio estruturado e escalado incipiente).
-Consolidación
Para empresas cun produto ou servizo definido, realizando vendas, modelo de negocio estruturado e posibilidade de escalado.
Máis de 400 proxectos de 26 países
Máis de 400 proxectos de 26 países presentaron a súa candidatura ás convocatorias realizadas nas cinco edicións da Business Factory Aero, das cales foron apoiados 42 proxectos empresariais, que teñen xerado 180 empregos cualificados e un volume de negocio conxunto que se aproxima aos 7 M€. En concreto, 15 obtiveron apoio en itinerario de incubación, 21 en aceleración e 6 en consolidación, aos que se sumarán os tres que se seleccionarán nesta nova convocatoria.
Os proxectos das cinco primeiras edicións da BFAero, que ten a súa sede central en Lugo, xeraron 182 empregos; mobilizaron un investimento de 2,78 M€ (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M€ desde o inicio do programa en 2019. Catro delas obtiveron a certificación ENISA (Acre, Aguia, Anduriña e Proteus).
Por certo que os días pasados a iniciativa acadou o importante fito de ter sido escollida pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas.
Até o 14 de maio
A nova convocatoria do itinerario de consolidación da BFAero, na que se seleccionarán tres novos proxectos, estará aberta até o 14 de maio ás 14:00 horas. Empresas de ata 7 anos de antigüidade cunha proposta innovadora, especialmente no segmento das tecnoloxías de sistemas non tripulados, poden presentar a súa candidatura na súa páxina web, onde, como dixemos, tamén poden consultarse as bases da convocatoria.
As tres empresas que resulten seleccionadas beneficiaranse dun completo programa de apoio de seis meses de duración que contempla a mentoría por parte de profesionais e empresas do sector, como Airbus, Avincis e Telespazio; a formación, a asistencia a feiras especializadas, apoio económico de ata 30.000 euros en axudas, acceso ás infraestruturas e servizos do ecosistema aeroespacial de Galicia cun bono de ata 10.000 euros, e financiamento de ata 250.000 euros de Xesgalicia.
As empresas seleccionadas terán a oportunidade de conectar con outros emprendedores, institucións e potenciais investidores coa súa incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, do que xa forman parte máis de 100 axentes, unha oportunidade única para fomentar a colaboración e o intercambio de ideas.

PUBLICIDADE