En xuño Vitae celebra a edición 49 do seu curso de proxectos áxiles con SCRUM

martes, 7 de maio do 2024 S. P.

Nos tempos que corren resulta imprescindíbel formarnos e capacitarnos en metodoloxías áxiles de traballo para desenvolver de maneira axeitada o noso traballo tecnolóxico, e tamén para asegurar ao máximo que as empresas requiren os nosos servizos profesionais. Existen moitos camiños diferentes para lograr esta formación teórico-práctica, pero está claro que non é preciso que vaiamos lonxe de Galicia para atopar un dos camiños de meirande prestixio: o que propón Vitae Consultores a través do seu curso en aberto Dirección e Xestión de Proxectos TI Áxiles con SCRUM, que chega esta tempada á súa 49 edición da man da formadora Josefina Nocelo.
Celebrarase os días 3, 5, 7, 10, 12 e 14 de xuño e inclúe a opción de acadarmos a acreditación de SCRUM Manager Nivel Experto.
Trátase dunha actividade formativa de gran utilidade para acadar, por unha banda, a máxima calidade nos nosos proxectos, e, pola outra, asegurar a máxima satisfacción entre os nosos clientes. Celébrase online, en formato de aula virtual con clases en directo.
Vitae lembra que estamos ante unha actividade formativa de 16 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo Vitae, a orixe do curso está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de SCRUM en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE