Seresco revoluciona o sector cartográfico con intelixencia artificial

martes, 7 de maio do 2024 S. P.

Seresco, compañía tecnolóxica española con marcada presenza en Galicia (onde celebrou recenmente o seu 50 aniversario), informou do remate do proxecto de investigación e desenvolvemento para a mellora dos servizos de produción cartográfica, aplicando técnicas de Intelixencia artificial (IA) sobre imaxes de territorio, aéreas e satelitales de alta resolución. Este proxecto liderado por Seresco, chamado IA4Geo, achega tecnoloxías que permiten interpretar de forma rápida e precisa a evolución e características dunha determinada zona xeográfica.
A iniciativa enmarcouse nun plan estratéxico da compañía que aposta por mellorar os procedementos necesarios para a obtención de xeoinformación, e chega á súa fase final tras 20 meses de execución.
O proxecto IA4Geo foi co-financiado polo Goberno de España e a Unión Europea a través de RED.ES e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Liderado pola área de Cartografía e Catastro xunto coa área de Tecnoloxía e Innovación de Seresco, tivo a colaboración da Universidade de Oviedo.

O proxecto: detección de cambios no territorio de maneira automática

O resultado é o desenvolvemento dunha ferramenta para a detección automática de cambios entre dous ortoimaxes (imaxes aéreas ou satelitais corrixidas para eliminar os efectos da perspectiva e a inclinación) de mesma localización espacial, pero diferentes instantes temporais. O obxectivo é “detectar cambios acaecidos entre ambas as imaxes e optimizar os traballos de actualización das bases de datos cartográficas”, informou Seresco, engadindo que a ferramenta construíuse a través do adestramento de redes neurais convolucionais (CNN) que unha vez adestradas, “son quen de analizar os pares de imaxes e devolver unha máscara de cambios, acoutando xeograficamente as diferenzas que aparezan entre os dous intres temporais”.
Para Seresco, “o resultado final é unha ferramenta robusta e con capacidade e evolucionar e adaptarse a cambios e demandas, cun alto grao de xeneralización e un amplo espectro de detección de transformacións, que supón un gran avance técnico e que pode detectar cambios de aparición, desaparición ou modificación para unha ampla variedade de obxectos xeográficos”. Así mesmo, engade a empresa, “ignora cambios non relevantes, como os producidos por luces e sombras, vehículos, inclinación de fachadas, cambios na vexetación, na auga ou na aparición e desaparición do gando”.
Con esta ferramenta quíxose mellorar eficiencia nos traballos de actualización das bases de datos cartográficas, xa que, “en contraposición ás técnicas tradicionais que supoñen a revisión manual das ortoimaxes buscando os cambios acontecidos, agora os esforzos de actualización soamente poñen o foco naquelas zonas onde se detectaron alteracións de xeito automático”.
O produto desenvolvido pode ser utilizado por todas aquelas empresas privadas e entidades públicas mergulladas en traballos relacionados coa actualización de bases de datos cartográficas e topográficas, nas que se fai necesario, de forma periódica, levar a cabo unha actualización da información xeoespacial referente a estradas, edificacións, instalacións públicas e privadas de calquera índole, así como calquera cambio de infraestruturas nas redes de transporte.
“A mellora na eficiencia dos traballos e a súa consecuente redución de custos fai posíbel chegar a novos mercados e escenarios, onde ata o de agora, debido aos elevados custos de produción e de mantemento de cartografía actualizada, non se podía chegar”, sinalou Seresco, lembrando que os principais casos de uso da ferramenta permiten valorar os cambios acaecidos en edificacións de todo tipo, naves industriais, infraestruturas de rede viaria, piscinas e zonas asfaltadas

Tecnoloxía GIS: ao servizo da innovación cartográfica

Partindo dun dataset propio para o proxecto, composto de imaxes satelitais Sentinel, imaxes aéreas PNOA e exemplos de etiquetaxe creados polo equipo de Seresco, e tras o adestramento e a avaliación de técnicas de Aprendizaxe Profunda (Deep Learning), os modelos xerados alcanzaron unha precisión próxima ao 90%.
A ferramenta desenvolvida foi integrada en MapStorm, un software GIS, con interface web, materializado por Seresco, cunha gran cantidade de ferramentas e funcionalidades, entre as que cómpre salientar unha completa capacidade para visualizar e editar xeoinformación procedente de múltiples fontes. A todas as súas funcionalidades, agora hai que engadir un servizo de detección de cambios para ortoimaxes.
“A integración en MapStorm fai posíbel unha doada execución do proceso de detección de cambios, ofrecendo ao usuario final unha maneira sinxela e intuitiva para lanzar o proceso de detección e visualizar os resultados obtidos”, engadiu a empresa tecnolóxica.

PUBLICIDADE