O alcalde de Brión reclama ao Goberno banda larga para todas as vivendas e negocios do concello

luns, 6 de maio do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, realizou este luns 6 de maio unha visita institucional ao concello coruñés de Brión, onde foi recibida polo seu alcalde, Pablo Lago, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero. O encontro tiña como obxectivo analizar e supervisar as actuacións levadas a cabo neste concello para a extensión da rede de banda larga a través do programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública.
Pablo Lago cualificou de produtiva esta xuntanza pois “precisamos que a banda larga chegue o antes posíbel as casas de todos os veciños e veciñas de Brión”. Neste sentido, o alcalde fixo fincapé en que “necesitamos que a rede ultrarrápida chegue a todas as vivendas e negocios de Brión, non só aos núcleos rurais. De pouco lle vale a un veciño que a fibra óptica de alta velocidade chegue a todas as aldeas se finalmente non a ten na súa casa”.
O alcalde entregou á subdelegada unha recompilación das queixas rexistradas no Concello de aldeas que contan con vivendas ás que non chegou a banda larga, como Gronzo, Romarís, Tembra, Cirro, A Gándara, Avenida dos Ánxeles, Chave de Ponte, Xinzo, Beca, Reboredo Pequeño, Ons e Amañecida.
Pola súa banda, María Rivas lembrou que o Concello de Brión é un dos beneficiados do Plan MITECO que, a través de 144 proxectos, facilitará a cobertura de banda larga en 451 vivendas e empresas que antes non dispoñían deste servizo. Esta extensión faise a través de convocatorias da axudas do Goberno; o programa contempla tres convocatorias. a primeira (2021) xa está rematada e as convocatorias 2022-2023 están en plena execución.
Con estas adxudicacións estase dando cobertura, neste momentos aos lugares de A Graña, Cornanda, Alfonsín, Goiáns, Ardións, Mato, Cristimil, Tourís, Nináns, Tourís, Igrexa, Luaña, Vioxo de Arriba, Vioxo de Abaixo, Esparís, Pousada, ViIar, Mourentáns, Forxán, Salaño Grande, Salaño Pequeno, A Gándara, Cirro, Pazos e Fonte Paredes. Ademais, a subdelegada do Goberno na Coruña informou ao alcalde que nos próximos meses a empresa intensificará os traballo de despregadura da fibra para o acceso á Internet ultrarrápida no resto dos lugares do concello. Pablo Lago insistiu en que “sabemos que a fibra óptica de alta velocidade xa chega as diferentes localidades pero non a todas as casas e agardo que este último paso que falta se vaia acometer agora”. O rexedor animou aos veciños e veciñas que poidan ter algún problema a notificalo ao Concello de Brión para que a empresa poida dar solución.
Programa UNICO
A subdelegada, lembrou que o programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) do Ministerio Asuntos Económicos e Transformación Dixital serve para facilitar o acceso á conexión de Internet ultrarrápida e a extensión do 5G a todos os municipios da comunidade que carecen deste servizo.
O Ministerio publicou o pasado 18 de decembro a adxudicación da Terceira Convocatoria de proxectos de banda larga que deberá levar esta tecnoloxía a 9.000 familias e empresas cun investimento estatal de 4.635.637 euros (dos 5,8 de total do investimento). Así no Plan Único 2022 adxudicouse a execución dun total de 162 unidades, das que actualmente 53 xa están en funcionamento. Na adxudicación do 2023 son 259 as unidades contempladas das que xa están en servizo 193. Así son un total de 421 as unidades adxudicadas nestas dúas convocatorias, das cales xa están executadas 241 o que supón o 58,4% do total comprometido.
Na xuntanza María Rivas sinalou que “o Goberno está comprometido co apoio aos concellos rurais na mellora dos seus servizos, das súas infraestruturas, xa que son necesarias para favorecer que a cidadanía se asente e faga neles o seu proxecto vital. Na loita contra o despoboamento, favorecer á conectividade a través de banda larga é un elemento clave”. A subdelegada insistiu en que “trátase de garantir ás persoas que viven nos pequenos concellos un futuro no que conten coas mesmas oportunidades”.

PUBLICIDADE