Meta cancela os seus proxectos relativos aos NFT

martes, 14 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O ano pasado Instagram emprendeu un programa piloto de artigos coleccionables dixitais entre un grupo reducido de creadores e coleccionistas estadounidenses, ou sexa, que subiu ao tren dos NFT, fomentando a compartición deste tipo de elementos entendendo que podería ser unha forma máis de facer cartos. Este proxecto espallouse por varios países, tanto en Instagram e Facebook, pero a iniciativa vén de ser suspendida.
Stephane Kasriel anunciou que suspendían os seus produtos orientados aos NFT, enfocándose noutros xeitos de apoiar aos creadores e ás empresas. Aproveita a ocasión para agradecer aos participantes no programa piloto, matizando que explorarán novos xeitos de facer cartos con certa escala, e incidindo en que continuarán a apostar por ferramentas fintech, pero o que parece claro é que os NFT son percibidos de xeito negativo por mor de demasiados casos de calotes empregando esta tecnoloxía.
Que Meta non confíe nos NFT debería ser un aviso a navegantes, e alertar das supostas oportunidades de negocio ao redor deste tipo de produto.