Luis María Ansón recupera o xornal El Imparcial cunha edición electrónica

mércores, 23 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A cabeceira xornalística El Imparcial, creada en 1867, rexurde agora en forma dunha publicación electrónica editada por José Varela Ortega, dirixida por Joaquín Vila e presidida por Luis María Ansón, que pretende informar fora da «pugna partidista», aínda que dende unha perspectiva «liberal», segundo os seus editores.
O proxecto contará con 40 profesionais da comunicación e un orzamento inicial de 2 millóns de euros, para o que contaron coa implicación financeira da Fundación Ortega y Gasset.
El Imparcial preséntase así coma un novo medio que se publica en formato web e tamén se pode descargar en PDF, seguindo unha filosofía máis propia da prensa escrita, o que se ve claramente na súa austeridade no tocante á multimedia, o hipertexto e a propia composición gráfica, con grandes carencias técnicas que están a ser moi criticadas dende distintos blogs (non conta con RSS, algunhas novas carecen de ligazón permanente, as fotografías se ven incorrectamente...). Todo apunta a que se trata dunha oportunidade mal aproveitada, pois a publicación se estrea cunha aparencia digna das webs de hai 10 anos.

PUBLICIDADE