Intel quere cobrar por desbloquear funcións dos seus procesadores

luns, 20 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Dende Engadget dan conta de que nalgúns establecementos están comezando a listar unhas tarxetas por valor de 50 dólares que operarían a xeito de bono de descarga para facerse cun software que permitiría o desbloqueo de características adicionais do novo procesador Pentium G6951, de xeito que mediante unha aplicación podería mellorarse considerablemente o rendemento do ordenador por liberar 1 Mb de caché de nivel 3 que viría bloqueada por defecto, así coma engade o soporte de HyperThreading.
Dende Intel pensan que tal medida permitiría que os fabricantes puidesen mellorar a súa oferta de produtos, de xeito que un procesador podería comercializarse en 2 potencias distintas, o que moitos considerarán unha práctica moi criticable, por venderse un produto cunha limitación totalmente artificial, resultando arbitrario o seu prezo (e incluso provocando un encarecemento dos produtos de menor custo, pois na práctica estariamos ante o seu modelo superior).
No caso en cuestión, dende CrunchGear detallan que o incremento de potencia do equipo polos 50 dólares que custa o software de desbloqueo sería menor, gañando só un 5,27% no resultado do test Cinebench 2010. Agardemos que esta práctica non se estenda a outros compoñentes e fabricantes, por resultaría moi molesto para o usuario saber que os compoñentes do seu equipo poden funcionar a máis velocidade da configurada de fábrica (e a opción dun overclocking de pagamento non parece a opción máis atractiva para o público.