Inaugurado na Coruña o Vertical Summit, encontro de mercadotecnia, marca, IA e liderado

venres, 29 de maio do 2026 S. P.

Este venres 29 de maio levantou o pano o encontro Vertical Summit, que reúne na Cámara de Comercio do Noroeste, na Coruña, empresas e profesionais para abordar cuestións relacionadas coa mercadotecnia, a construción de marca, a tecnoloxía, a intelixencia artificial e o liderado empresarial.
Na inauguración contouse coa presenza (entre outros) do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
Regueira destacou a importancia de impulsar espazos que favorezan o intercambio de coñecemento e experiencias entre empresas e sinalou que asuntos como o posicionamento de marca na contorna dixital, a xeración de valor fronte á competencia global, a incorporación intelixente da tecnoloxía e da intelixencia artificial, o liderado ou a xestión do talento son xa elementos “esenciais para quen quere crecer con criterio e sustentabilidade”.
Engadiu que Galicia ten “un tecido empresarial de calidade, con capacidade de innovación e con moito potencial, mais para seguirmos avanzando necesitamos exactamente este tipo de encontros, verticais, prácticos e orientados a resultados”, indicou.
Pola súa banda, o conselleiro puxo en valor a importancia de fortalecer a conexión do ecosistema emprendedor galego, impulsar a colaboración público-privada e favorecer sinerxías que contribúan á creación de novas oportunidades económicas con impacto en todo o territorio, na liña da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio na que está a traballar a Xunta.
Na súa intervención, José González salientou a capacidade do foro para reunir empresas consolidadas, persoas emprendedoras e novos proxectos nun espazo común no que compartir coñecemento, experiencias e oportunidades. Neste senso, sinalou que, nun contexto económico en constante transformación, resulta fundamental xerar conexións entre sectores, talento e territorio para seguir fortalecendo a competitividade do tecido produtivo galego.
O programa do Vertical Summit inclúe ao longo da xornada relatorios e mesas de debate sobre estratexia empresarial, transformación dixital, comercio, investimento, liderado, cultura organizativa e intelixencia artificial, coa participación de representantes de empresas e entidades de diferentes sectores.
Participan máis de 100 empresas e máis dunha decena de relatores de primeiro nivel.
Regueira agradeceu finalmente o compromiso das empresas e profesionais participantes e desexou que a xornada resulte “moi produtiva e inspiradora” para todas as persoas asistentes.