Idealugo.es obtén un recoñecemento orzamentario da Unión Europea
mércores, 4 de maio do 2016

- O deputado do organismo provincial lugués Pablo Rivera Capón
A Deputación de Lugo vén de informar do
recoñecemento orzamentario obtido grazas a idealugo.es,
o Portal da Infraestrutura de Datos Espaciais da Administración
Lucense posto en marcha en 2010 e destinado a permitirlle ao
organismo provincial a achega de información ao Goberno central
relativa aos equipamentos dos concellos (mapas, estradas, datos de
infraestruturas municipais, saneamento e abastecemento, ou
comunicacións, entre outros elementos). Segundo fixo saber o
deputado de Innovación e TIC Pablo Rivera Capón, o labor despregado
a través do portal posibilitou a obtención de 167.000 euros do
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), da Unión Europea.
O deputado engadiu que “para a posta en marcha do
portal achegamos, en solitario, 361.758 euros para financiar os
custes desta páxina coa que afondamos en aspectos como a
transparencia e goberno aberto”. Este ano, lembrou, tomouse no
organismo provincial a decisión de concorrer a unha nova
convocatoria para captar fondos FEDER e, deste xeito, “aforrar
cartos”. Europa, engadiu, “recoñeceu o traballo ben feito con
este iniciativa e decidiu financiar preto do 50% do custe total de
www.idealugo.es”.
Como recordaremos, a través da Infraestrutura de
Datos Espaciais da Administración Lucense (IDEAL) a Deputación
ofrece información xeo-referenciada da provincia de Lugo a partires
dos datos da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL),
que é o instrumento básico de análise e valoración das
necesidades de dotacións locais para efectos da cooperación
económica local do Estado. Na devandita páxina web pódese
descargar a información das edicións da EIEL para a provincia de
Lugo dende o ano 1995 ata o 2012, ambas incluídas; ademais de
acceder aos servizos Web Map Service e Web Feature
Service que ofrecen a información da EIEL sobre abastecementos,
saneamentos ou equipamentos municipais como centros de saúde ou
instalacións deportivas, entre moitos outros. Tamén conta cun visor
de mapas interactivo no que se pode visualizar toda a información.
Outra funcionalidade que acubilla o portal é o servizo de
nomenclátor que posibilita a busca de máis de 9.400 entidades de
toda a provincia de Lugo, agás o municipio de Lugo.
