Gran operación policial contra a piratería de televisión de pago

venres, 4 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A Policía Nacional practicou a detención de 85 persoas nunha operación contra a piratería audiovisual en varias provincias españolas (entre as que están A Coruña e Pontevedra). Entre os arrestados están titulares e administradores de establecementos hoteleiros, administradores de locais de televisión por cable e por ondas, presidentes de comunidades de veciños e instaladores, intervíndose redes que contaban con milleiros de abonados aos que enviaban o sinal de televisión a través de dispositivos sen fíos con contidos procedentes de canles de acceso condicional (de pago).
En Pontevedra identificaron 3 establecementos hoteleiros nos que utilizaban varios descodificadores de televisión (pertencentes a contratos de abonado particular) para redistribuír o sinal a todas as habitacións.
Na operación incautáronse un total de 115 descodificadores e diverso material que facía posible a actividade ilícita investigada, e que podería ter ocasionado unha fraude aos titulares dos dereitos televisivos de varias ducias de millóns de euros.