Google prognostica que Alemaña gañará o Mundial de Fútbol

venres, 11 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Para dar a coñecer as posibilidades da Google Cloud Platform dende a compañía de Mountain View decidiron analizar os datos, construír un modelos estatístico e utilizar sistemas de aprendizaxe artificial para predicir os resultados do Mundial de Fútbol, conseguindo acertar en 13 de cada 14 encontros e, en vista da proximidade da final, decidiron compartir a súa experiencia co mundo, para convidar a que calquera poida facer o seu propio modelo preditivo e así poder intentar adiviñar quen vai saír vitorioso do encontro do vindeiro domingo.
Dende Google tomaron os datos de Opta, compañía que recolleu información de varias tempadas das ligas profesionais de fútbol e das fases de grupo do Mundial, o que permite examinar os primeiros partidos para predicir o resultado dos seguintes, chegando a conclusión de que o equipo que gañará a final será Alemaña, aínda que esta posibilidade de vitoria sería realmente moi axustada, xa que o modelo desenvolvido por Google determina que as posibilidades de que Alemaña supere a Arxentina son de só o 55%, aínda que non é a primeira vez que infravaloran a Alemaña (o partido no que errou o modelo desenvolvido foi o encontro entre Alemaña e Francia nos cuartos de final).
O modelo empregado ten unha taxa de éxito do 92,86%, pero poderían engadirse a fórmula outros valores como os salarios dos xogadores ou a distancia que tiveron que viaxar, ou ponderar de distinto xeito o número de seareiros que viaxaron ao encontro para animar ao seu equipo. Ao final, toda a información que poida subministrarse terá algún peso para a predición, polo que canta máis información teñamos e dispoñamos de maior capacidade de cálculo será máis doado conseguir unhas predicións axeitadas, na liña do que acontece coa meteoroloxía.