Google, Facebook e Yoigo, entre as firmas TIC que envorcan esforzos no Nepal

martes, 28 de abril do 2015 Redacción

Unha parte importante das empresas TIC están estes días a despregar esforzos (en maior ou menor medida) para botar unha man na atención ás vítimas do terremoto de Nepal. Entre as firmas que se están a mollar polos damnificados do sismo hainas de todos os tamaños, mesmo algún que outro xigante. É o caso de Google e Facebook. A primeira compañía doou un millón de dólares para as tarefas de rescate e mesmo forneceu unha ferramenta de seu para a localización de persoas entre os superviventes ou os falecidos.
Ao longo da xornada de onte, a cifra de persoas incluídas na súa base de datos era de arredor de máis de 5.000. A información xerada nútrese de datos fornecidos por ONG, medios de comunicación e administracións locais. Google estreou este tipo de tarefas (páxinas de procura de persoas) durante o terremoto de Haití en 2010.
Pola súa banda, Facebook puxo en marcha o servizo Safety Check, unha ferramenta ata o de agora pendente de estrea e que está a disposición da xente afectada para facer saber os usuarios de Facebook como se encontran, onde se atopan e se están ben.
A nivel español, cómpre salientar (por exemplo) o caso de Yoigo e Teliasonera. Esta última, dende o 24 de abril e ata o 2 de maio ofrece servizos de telefonía gratuítos aos clientes de Ncell, a súa filial nepalí, e de todas as operadoras do grupo que operan neste país, co fin de facilitar o contacto entre os familiares e afectados o terremoto. Yoigo, en colaboración coa Cruz Vermella, habilitou os seguintes números para recadar fondos: 28092, 38088 e 38092. Pola súa banda, entre o 25 de abril e o 2 de maio, Yoigo ofrece chamadas e SMS gratuítos para os seus clientes en itinerancia en Nepal cara a España, así como para os usuarios que, estando en España, precisen comunicarse con familiares e amigos en Nepal.
Volvendo ao plano internacional, lembrar tamén o lanzamento dende Apple dunha campaña solidaria a través do seu negocio dixital iTunes, a disposición da Cruz Vermella de Estados Unidos na súa campaña para recadar diñeiro e elementos de primeira necesidade para a poboación afectada (o cen por cen do recadado será para as vítimas do terremoto). Asemade, Uber ofreceuse a facer de intermediaria entre as doazóns dos seus clientes e o PM’’s Relief Fund (Fondo do Primeiro Ministro), e Viber tamén se apuntou ás chamadas internacionais gratuítas dende Nepal.