Facebook supera os 120 millóns de usuarios

martes, 4 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Sheryl Sandberg durante a súa intervención no congreso Dreamforce

A primeiros do verán a plataforma de redes sociais Facebook chegaba aos 90 millóns de usuarios, e agora unha das responsables desta popular web, Sheryl Sandberg, asegurou durante o congreso Dreamforce que xa chegaron aos 120 millóns de usuarios, confirmando o importante crecemento deste servizo que cada día lle pon as cousas máis duras a MySpace nos EE.UU.
Sandberg asegurou que captaron máis usuarios «nos últimos 3 meses que nos primeiros 3 anos de vida», destacando tamén que na actualidade superan as 280.000 aplicacións baixo a súa plataforma, aínda que o seu principal uso corresponde a actividades de lecer, polo que agora queren orientar esta tecnoloxía baseada en web a aplicacións profesionais, comezando por unha alianza con Salesforce.com (compañía que ofrece ferramentas en liña para a xestión das relacións cos clientes por parte das empresas).