Facebook incluirá anuncios de 6 segundos antes dos vídeos

venres, 15 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Facebook abrirá o contido patrocinado a todas as súas páxinas

O vídeo ten cada vez máis peso en Facebook, en boa medida polo seu potencial publicitario, o que leva á compañía a adoptar novas medidas para potenciar o aproveitamento económico destes formatos por parte dos creadores de contidos, o que vai ter consecuencias moi directas no funcionamento de Facebook. Por unha banda temos que Facebook vai incrementar a distribución de vídeos, amosando cada vez máis contidos deste tipo (especialmente das páxinas das que o usuario vise máis vídeos anteriormente), van reforzar a presenza das pausas publicitarias nos vídeos de longa duración (tanto en diferido como en directo) e, como medida máis polémica, van incluír de xeito xeral a partires do ano que vén os pre-roll, ou sexa, os anuncios antes do inicio dos vídeos, na liña de como tamén fai YouTube. Os anuncios en pre-roll terán inicialmente unha duración de 6 segundos, o que servirá para analizar a aceptación que ten este formato publicitario en Facebook.
Aparte das pausas publicitarias e os ­pre-roll tamén potenciará a creación de contido patrocinado, que era unha opción para un reducido número de editores e creadores, e que vai abrirse en breve a todas as páxinas de Facebook.