Este venres bota a andar a Sede Electrónica da Xunta de Galicia

xoves, 22 de setembro do 2011 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, afirmou hoxe, trala rolda de prensa do Consello, que a posta en marcha da Sede Electrónica da Xunta permitirá unha administración «sen papeis, máis transparente e, sobre todo, aberta e accesible aos cidadáns as 24 horas do día, os 365 días do ano» e que será «un punto de acceso único a toda a Administración autonómica, co obxectivo de facer, baixo o horizonte de 2013, unha Xunta accesible, online e para todo tipo de procesos».
Ao longo da rolda de prensa, Rueda explicou que, de xeito gradual, a Sede Electrónica que bota a andar este mesmo venres, ofrecerá aos cidadáns a mesma información e os mesmos servizos que, a día de hoxe, se ofrecen fisicamente en calquera xanela das consellerías. Lembrou que, actualmente, son 120 os procedementos que poden realizarse de xeito telemático, e pretenden que cheguen aos 1.500 en 2013.
Na súa comparecencia ante os medios, o conselleiro de Presidencia, subliñou a aprobación tamén hoxe do Decreto de organización e funcionamento das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo «claro e definido de impulsar tamén o uso dos medios electrónicos e de facilitarlle tamén ao cidadán a súa relación coa Xunta de Galicia».
A principal novidade que introduce este decreto é, segundo concretou Alfonso Rueda, que establece un sistema único de rexistro, unificando os 150 que actualmente ten en funcionamento a Xunta entre rexistros principais e auxiliares, cifra que chegaría ata 500 se se suman tamén os conveniados.

Rueda na súa comparecencia ante os medios tras o Consello da Xunta