Especialistas en enxeñaría de sistemas de ámbalas beiras do Atlántico xúntanse estes días en Vigo

luns, 16 de novembro do 2015 Redacción

O evento WCSEIT2015 (World Congress on Systems Engineering and Information Technology) xunta esta semana en Vigo investigadores e docentes de enxeñaría de sistemas de Brasil, España, Portugal e Arxentina. Trátase dunha cita internacional que tras o seu paso en 2013 por Porto, nesta edición foi dar a Vigo para achegar tres días de debates, mesas redondas, sesións plenarias e conferencias. O obxectivo: fornecer unha posta en común das investigacións e proxectos que se levan a cabo en diferentes institucións do mundo. O evento vén da man do World Council on Systems Engineering and Information Technology, co profesor Claudio da Rocha Brito como presidente do Comité Organizador; a profesora Melany M. Ciampi como presidenta do Comité de Programa Técnico, a vicerreitora Asunción Longo, que preside o comité local e o profesor da EE de Telecomunicación Martin Llamas como coordinador local.
Esta edición, informan, está centrada “nos desafíos, prácticas e tecnoloxías na era da información”. Dende este luns e ata o mércores, abordaranse temas como arquitectura avanzada TIC, procesos de negocio de enxeñaría e xestión, dirección de empresas e estratexia competitiva ou educación en enxeñaría de sistemas e tecnoloxías da información, entre outras moitas cuestións.
No congreso participan arredor de 40 persoas. Segundo informan os organizadores, a conferencia internacional ofrece a posibilidade de actualizar e revisar os conceptos clásicos en enxeñaría de sistemas e tecnoloxías da información. Ademais, sinalan, promove “a colaboración internacional entre científicos e permite a transferencia de coñecemento e tecnoloxía”, cun programa “moi intenso, con conferencias, sesións plenarias, presentacións de relatorios e obradoiro.
Na primeira xornada do congreso tivo lugar, entre outras cousas, a cerimonia de entrega dos premios á mellor tese de doutoramento e ao mellor traballo fin de grao outorgados polo Capítulo Español da Sociedade de Educación do IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineers). Estes galardóns contan co apoio de AtlantTIC e na convocatoria 2013/2014 foron concedidos na categoría de traballo fin de carreira, grao ou mestrado ao proxecto titulado Deseño e Implementación dun módulo de analítica de aprendizaxe na plataforma Khan Academy, realizado por José Antonio Ruipérez Valiente. O premio á Mellor tese de doutoramento foi para Germán Carro Fernández, pola súa investigación titulada Sistema de Integración de Laboratorios Remotos de Robótica (SILARR): Laboratorio Remoto de Robótica, Escalable, Versátil e Modular.
Xa pola tarde ten lugar unha mesa redonda que, baixo o título Bologna: current status and future trends reúne como relatores a Francisco Arcega, presidente do Capítulo Español do IEEE; Manuel Castro, ex presidente Jr do IEEE Ed.Soc.; Manuel Gericota e Paulo Ferreira, presidente e secretario, respectivamente, do Capítulo Portugués do IEEE Ed.Soc.
A xornada do martes centrarase nas sesións técnicas coas presentacións das comunicacións e pósters nos que se abordarán temas “moi diversos para analizar o papel que neles ten a enxeñaría de sistemas”, como por exemplo o ránking dos portais das universidades brasileiras con análise multicriterio; un xogo con finalidade educativa sobre a sustentabilidade dos recursos hídricos en Brasil; un prototipo dun robot para a reconstrución 3D con aplicacións educativas; ferramentas de ensino a distancia; a seguridade da información das empresas e os riscos asociados á participación nas redes sociais; sen fíos e as aplicacións de redes intelixentes; o proxecto dun vehículo anfibio radiocontrolado ou o ensino da linguaxe de programación.
Xa o mércores desenvolveranse dúas sesións especiais sobre novas tecnoloxías educativas, patrocinadas pola rede RIURE. Nestes relatorios participarán expertos de diferentes países, como España, Portugal e Uruguai e no seu transcurso a Universidade de Vigo presentará, de man do profesor Manuel Caeiro, os traballos de TELGalicia no eido dos recursos educativos abertos, proporcionando aos docentes de Primaria e Secundaria ferramentas dixitais para o ensino.